CERVO, 12 DE AGOSTO. Os socialistas de Cervo non entenden que o proceso selectivo para cubrir as prazas dos GES, Grupos de Emerxencia Supramunicipal, levado a cabo no Concello, poida provocar a cantidade de protestas que está causando, “tralo aluvión de reclamacións rexistradas, entendemos que o grupo de goberno debe dar unha resposta urxente e dar as explicacións correspondentes a cada interesado”.
Para os membros do PSOE de Cervo é alomenos sospeitoso que moitos dos candidatos que se presentaron estén a esixir xustificacións polos resultados obtidos, “esperamos que todo o procedemento de selección para os GES se adecúase estrictamente ás bases existentes”.
Engaden que “a falta de transparencia neste tipo de procesos está sendo a tónica habitual, non podemos consentir que continúen a actuar así. Deben ser seleccionados os mellores, os máis profesionais e os que cumpran os méritos esixidos sen facer, en ningún caso, un uso partidista do asunto”.
Os socialistas insisten en que “se dé resposta ás reclamacións coa maior celeridade posible e que non quede a máis mínima dúbida para que o proceso non se vexa enturbiado”.