A MARIÑA .-As xestións realizadas deron lugar á positiva resolución desta situación, aseguran desde o SLG, e “sobre as 14,30hrs.do mediodía de hoxe vén de facerse efectiva a retoma da recollida nas dúas explotacións de A Mariña lucense afectadas pola suspensión imposta por Jesús Lence”.
Nota de Prensa
Primeira vitoria dunha batalla que será longa.
O problema do prezo segue presente, para estas e para todas as explotacións do País
Dende o Sindicato Labrego Galego confirmamos que sobre as 14,30hrs.do mediodía de hoxe vén de facerse efectiva a retoma da recollida nas dúas explotacións d´A Mariña lucense afectadas pola suspensión imposta por Jesús Lence ante a tentativa destas explotacións de negociaren un prezo para o leite que lles permita vivir do seu traballo.
As xestións realizadas deron lugar á positiva resolución desta situación, pola que o SLG quere amosar a súa máis fonda ledicia, ao tempo que agradecemos o grande número de mostras de apoio que se nos fixeron chegar a nós e, sobor de todo, ás familias afectadas.
Non obstante, e unha vez parada a espiral de gastos que levaría a pechar a estas dúas explotacións nuns días, dende o Sindicato Labrego Galego valoramos que esta loita non pode ter nin un día de tregua, xa que os baixos prezos establecidos para o leite en todo o País encamíñaas, ao igual que ao resto do sector, cara o peche.
Mesmo as medidas de choque que a Administración galega se comprometera a habilitar, e que todo o sector agardabamos coñecer onte, reveláronse inexistentes tras a reunión mantida onte pola Mesa do Leite, onde ficou claro que o único que vai a haber é o adiantamento dun diñeiro que xa era noso. Nin axudas directas -que inda “están estudando”- nin os créditos do IGAPE, van ser concedidas ás explotacións.
Da morte súbita á lenta agonía. De non acadarmos que as persoas que producen leite obteñan a cambio un prezo que lles permita vivir desta actividade, o sector leiteiro da Galiza -ao igual que está a pasar no resto de Europa, onde gandeiros e gandeiras de Alemaña, Bélxica, Portugal, Suíza e Francia estiveron levando a cabo, ao igual que o SLG, fortes mobilizacións polo prezo-, está a ser estrangulado polas leis do libre comercio neoliberal, aquelas deseñadas para as grandes empresas en troques de para as persoas.