NOTA DE PRENSA
Os socialistas están a descubrir agora, a mala situación na que deixaron, tras catro anos de xestión, o sistema público de saúde. Os novos xestores da Xunta, con traballo, dedicación e esforzo, serán quen de corrixir os estragos que o bipartito deixou no SERGAS
O PP DE CERVO LAMENTA QUE O PSOE NON SE LEMBRARA DA SATURACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DE SAN CIPRIÁN CANDO FAI UNS MESES A CONSELLERÍA SOCIALISTA NON CUBRIA AS BAIXAS DOS FACULTATIVOS
* Emprazan aos socialistas a que novo descubrimento sexa recoñecer que a Xunta bipartita manipulou e enganou negando a magnitude real das listas de espera no Hospital da Costa
Cervo, 26 de maio de 2009.- O Partido Popular de Cervo vén de amosar a súa sorpresa despois de que a socialista Lara Méndez defendera a necesidade de incorporar un médico pediatra no Centro de Saúde de Burela, como fórmula para evitar a saturación do Centro de Saúde de San Ciprián, onde se están a atender aos nenos procedentes do municipio veciño, ademais da poboación infantil do noso concello.
Os populares lamentan que a voceira municipal do PSOE non se lembrara da saturación do Centro de Saúde de San Ciprián cando tan só fai uns meses a situación estaba a ser insostible, como consecuencia da negativa da Consellería de Sanidade rexida polos socialistas, que non quixo cubrir a baixa dunha facultativa de medicina xeral, “provocando un colapso histórico que todos os veciños sufriron e do que cada un deles poden dar boa testemuña”
Desde o PP atribúen a repentina preocupación dos socialistas polas dificultades que se están a producir no correcto funcionamento da sanidade local a que por fin son conscientes do mal que teñen xestionado e, polo tanto, deixado o sistema público de saúde en Galicia. Neste senso, esperan que o próximo descubrimento dos socialistas sexa recoñecer a manipulación que viñeron efectuando cando xestionaban a Xunta das listas de espera e demoras no Hospital da Costa. Os populares amósanse convencidos de que con traballo, esforzo e compromiso pola mellora da situación actual, os novos xestores da Xunta serán quen de corrixir os estragos que os socialistas fixeron no SERGAS.