BURELA(FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, critica o que considera “unha falla de respecto institucional por parte da conselleira do Mar que onte estivo en Burela”. O rexedor explicou que “onte tivemos aquí en Burela a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que entre outras cousas veu dar un mitín como é lexítimo e normal e mantivo un encontro con representantes de ABSA e da confraría e foi tamén á Moncloa como tamén era interesante que o fixera”. Llano di non entender “como alcalde de Burela, a falla de respecto institucional que houbo neste caso, porque xa que se presentou a ABSA e a confraría creo que tamén podía recibir os representantes do Concello de Burela porque somos dos poucos que temos unha Delegación do Mar e loxicamente temos responsabilidades neste ámbito e sempre colaboramos co sector e ímolo seguir facendo para resolver os problemas que poidan ter”.
Llano lembra que “tamén traballamos con Portos co que mantemos unha boa relación institucional, de aí que non entendamos esta actitude de Rosa Quintana, porque perdeu unha oportunidade moi valiosa de presentarse diante de nós. Quedou de vir á inauguración de Expomar, deu razóns triviais e non veu e aparece agora para dar un mitín e preséntase por aí deixando ao Concello de lado completamente”.
O alcalde considera que “isto ven contradicir un pouco ese espírito do que tanto presumían de que ían facilitar a fluidez entre institucións, que ían favorecer ós concellos e que ían traballar para todos. E resulta que á primeira ocasión que teñen xa se ve o que lles interesa que é o partido e catro cousas por aí sin ter en conta as institucións e é algo que nos preocupa”.