RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá do 29 ao 31 de maio, por primeira vez, unha recreación da invasión das tropas napoleónicas para celebrar o bicentenario deste acontecemento. Segundo explicou a edil nacionalista, Mariluz Álvarez Lastra, na presentación do evento “xa no seu momento en febreiro realizamos actividades como charlas, visitas didácticas dos nenos do noso Concello e dos limítrofes dos que forman parte esas parroquias que participaron nesa batalla para dar a coñecer esa festividade. E quedábanos pendente outra actividade que dixemos que si eramos quen de organizar e de conseguir financiamento para poder efectuala pois a levaríamos adiante. E hoxe podemos presentar os actos que faremos coincidir coa data de celebración da festa das Cruces”.
A concelleira de Cultura manifestou que “as asociacións napoleónicas da Coruña serán as que se encargarán desta recreacións, tal e como fan coa batalla de Elviña. O venres 29 de maio a partires das 20:00 horas chegarán os recreadores a Ribadeo (unhas 40 ou 50 persoas) e haberá unha recepción na Casa do Concello por parte das autoridades. Eso quere dicir que os arredores da praza de España e do parque de San Francisco veranse ateigados destas persoas que xa virán ataviadas con traxes da época, polo tanto convidamos a todos os que queiran ver este acto a que se acheguen ás inmediacións do Concello”.
Mariluz Álvarez Lastra segueu a contar que “despois o sábado continuaremos ás 11:30 horas. Haberá a recreación dun campamento e a dotación dun forte da época no forte de San Damián, e estarán alí ata as 20:00 horas para que coñezamos como se vivía naquela época e a partires desa hora haberá un desfile polas rúas do casco vello da vila e a recreación da liberación do pobo da invasión francesa na Praza de España, onde poderemos ver tropas francesas, veciños da vila que loitaron contra eles, o exército e a cabalería que actuará ese día. Despois como paso previo á celebración da festa das Cruces en Arante, o domingo 31 de maio ás 12:30 horas descubrirase unha placa en conmemoración deste bicentenario nunha parte da igrexa e ás 13:00 horas haberá a recreación da batalla na Ponte”.
A edil de Cultura convida “a todos os veciños de Ribadeo e das parroquias e concellos limítrofes e aos do Occidente asturiano a que veñan disfrutar desta actividade recreativa que é a primeira vez que se celebra no noso concello. E sempre é bó volver a rememorar fitos históricos importantes para a nosa vila, coñecer a historia e que sexa unha actividade diferente a modo de evento simbólico e así poidamos achegarnos un pouco á realidade dos acontecementos que que tiveron lugar nesta época da historia”.