Ribadeo, 12 de xuño de 2013. Como vén sendo habitual no remate do ano académico, a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo retoma os seus tradicionais concertos didácticos para escolas da comarca da Mariña e do Occidente astur. En total serán máis de 600 nenos e nenas de educación primaria as que se acheguen este xoves, 13 de xuño, ao auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo en sesión dobre (10 e 12 da mañá).
Os centros escolares que participan este ano son o CPR Sagrado Corazón (Ribadeo), o CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), o CEIP Celso Currás (Trabada), o CRA Tapia-Castropol (Figueiras, Castropol) e máis o CP Príncipe de Asturias (Tapia de Casariego).
“Queremos achegar dun xeito lúdico e atractivo as diferentes especialidades
instrumentais e de danza que se imparten no centro aos nenos e nenas de primaria, facerlles ver que pode ser un elemento máis na súa construcción como persoas”, sinala o director do centro, Hugo García Presno. No concerto actuarán agrupacións de vento-metal, a banda infantil do centro, a orquestra de cámara, unha agrupación de percusión, guitarras, piano e de música tradicional así como alumnas e alumnos de danza e ballet.
García Presno amosa a súa satisfacción pola boa resposta deste tipo de concertos
entre o alumnado dos centros de ensino: “para nós é un pracer ver como cada ano
son os propios centros os que nos demandan a realización desta actividade como un complemento á súa formación regrada”.
“Antes de cada actuación farase unha presentación de cada un dos instrumentos,
pois interésanos que as nenas e nenos coñezan a historia dos mesmos e máis as
súas características así como aspectos relativos á historia da obra e máis do tipo de formación que a interpreta”, concreta Hugo García Presno.
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo pechará o curso académico
2012/13 o vindeiro 22 de xuño co tradicional festival de fin de curso.