O PSdeG provincial de Lugo, a través da súa organización sectorial de Medio Ambiente, fará un estudo sobre os problemas e necesidades ambientais de cada concello na provincia, coa fin de “coñecer a situación real na actualidade e tomar medidas de acción política desde o partido baseadas na realidade actual e nas necesidades dos veciños e veciñas”, tal e como explica o secretario de Medio Ambiente da Executiva, Eduardo Vidal. Esta acción está enmarcada no plan Partido Aberto, Goberno Aberto do PSdeG lucense, que vén desenrolando diversas actuacións para a participación da militancia e da cidadanía e a busca de solucións para os problemas do territorio.
Como punto de partida deste informe, os socialistas veñen de enviar a todas as agrupacións locais nos municipios unha enquisa realizada por expertos da organización sectorial, que consta de oito páxinas con varios apartados. Neles recábase información sobre a situación actual da auga potable en cada concello, o tratamento de residuos, as emisións á atmósfera os espazos protexidos, as augas superficiais (ríos, lagoas, brañas, rías, praias…) ou os recursos de caza, pesca ou aproveitamento enerxético.
No PSdeG esperan contar coas primeiras informacións e conclusións no prazo dun mes “para empezar a traballar e compartilas con representantes do sector e buscar as mellores políticas de actuación para o futuro da provincia”, tal e como apunta Vidal. Con esta experiencia, o PSdeG provincial abre a porta a outros estudos sectoriais en temas relevantes como a educación, a sanidade ou a economía produtiva.