Burela, 5 de xuño de 2013. O equipo de goberno popular de Burela manifestou hoxe que a oposición que fai o BNG “é totalmente monotemática, xa que se centra só en si o alcalde e o equipo de goberno viaxan moito, pouco ou nada. O que menos lle preocupa ó BNG é o que se xestiona, o único que queren é deixar caer a idea de que só sabemos cobrar dietas”.
Así, desde o goberno popular burelés afirman que “para nada se preocupan da rebaixa da liña de afectación da variante; para nada se preocupan polo proxecto de encauzamento do Perdouro; para nada se preocupan de se algún punto de bombeo feito durante o bipartito quedou en uso; para nada se preocupan pola gratuidade das escolas deportivas municipais; para nada se preocupan pola formación de desempregados; para nada se preocupan polo proxecto de vestiarios para a zona de A Marosa, etc, como tampouco se preocuparon no seu día da catalogación de casas que fixo o bipartito da Xunta para o PXOM”.
Para o equipo de goberno burelés, “estes temas e outros para o BNG non existen, aínda que no seu día preocupáronse de gastar, só nunha concellería, case 350.000 euros en gastos diversos de moi complexa xustificación; cobraban polas escolas deportivas municipais; tiveron que retirar as tristemente célebres axudas dos corenta euros; gastaron 30.000 euros nunha pista de pádel que era ilegal, e tamén deixaron ás asociacións culturais sen ningún tipo de axuda, absolutamente ningunha, e contribuíron de forma moi decidida a deixar 1.300.000 euros en facturas nos caixóns sen pagar”.
Por iso, segundo o goberno popular burelés, a oposición do BNG “non é crible, dado que están instalados en dicir a todo que non, en profetizar o caos, aínda que os do BNG non se esquecen de cobrar: os dous concelleiros do BNG no bipartito sumaban os dous soliños, entre soldo e asistencias, case 2.800 euros mensuais limpiños de po e palla; e se miramos para a Deputación de Lugo, dous deputados que nos saen en 105.000 euros brutos anuais, e os concelleiros liberados que teñen por aí, que cobran para facer de axitadores políticos, pero que non van pola Deputación nin a cobrar”.
Desde o equipo de goberno afirman que “a liña de xestión e de traballo que estamos levando é a correcta, e que en moitos casos nos ocupa resolvendo as liortas que deixaron estes señores. Nós cremos que se o BNG non quere quedar como grupo político residual, debe cambiar a liña de facer oposición, dado que se repite continuamente co asunto dos viaxes pero non plantexa ningunha alternativa. Aínda que se non o fai, moito mellor para o PP”.