Santiago de Compostela, 05 de xuño de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, reclamou hoxe ao PP e ao goberno galego a “pedir perdón ao sector mexilloeiro por non tratalo como se merece”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Pesca na que reclamaba campañas informativas e de difusión no mercado europeo logo das dúbidas sobre a salubridade emitidas por Francia en abril.
O responsable socialista criticou que o PP teña rexeitado poñer a disposición do sector mitícola unha partida para facer unha campaña de promoción “nos tempos que sexan oportunos” mentres aplauden un gasto de 40 millóns en “campañas de autobombo” do presidente da Xunta.
Val reclamou “todas as accións necesarias” para garantir a imaxe de calidade do mexillón galego a través de accións conxuntas co Consello Regulador, ademais dunha “campaña específica dirixida ao mercado europeo, con especial incidencia en Francia, para garantir a calidade e salubridade do produto”.
Os socialistas reclamaron unha ofensiva publicitaria para contrastar a imaxe negativa xerada logo de que no pasado mes de abril as autoridades francesas deran unha alarma sanitaria sobre este produto, “poñendo en cuestión a imaxe internacional dun produto de calidade que conta con tódalas garantías”.
Puntualizou que as autoridades francesas “non foron finalmente quén de demostrar que a alerta fora provocada por unha partida de mexillón galego con toxina”. José Ramón Val instou á Xunta a “aprender dos erros cometidos” e engadiu que “si o sistemas analíticos funcionan hai que demostralo continuamente, incluso as pontes e os festivos”, e reclamou “non baixar a garda” diante do dano que pode provocar unha alerta sanitaria.
Pedir perdón
O parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego que “pida perdón” por unha xestión que leva á perda continua de permisos de explotación no sector marisqueiro, ademais de pola baixada de prezos nas lonxas, que abocan ao sector a unha “fonda crise” cando “debera ser o sector punteiro e referente que merece”.
Lembrou a enorme importancia do sector para a economía de Galicia, cun volume de negocio por riba dos 120 millóns de euros ao ano, mentres a miticultura de Galicia representa o 80 por cento de toda a produción acuícola de España. Explicou que as 3.337 bateas galegas xeran ao redor de 11.500 empregos directos, chegando a supor o 40 por cento do emprego dos portos mais vinculados a esta actividade.
Malia esta situación privilexiada, o sector vive “momentos difíciles e complicados”, que levaron a que no pasado ano 2012 o consumo descendera en Galicia un 15 por cento para situarse en 4.600 toneladas dun total de 279.000 producidas.