Un dos obxectivos transversais do IES Perdouro de Burela, sinala a vicedirectora Karina Parga, é concienciar e sensibilizar ó seu alumnado sobre a saúde, a consecución de hábitos de vida saudables e prevención en educación viaria. Os alumn@s de 4º de ESO, dentro do programa de prevención e educación viaria, recibiron unha charla de sensibilización sobre lesións medulares por parte da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña – COGAMI. Unha traballadora social da asociación impartiu a parte teórica onde explicou ao alumnado a importancia de empregar o cinto de seguridade nos vehículos, o uso dos cascos nas motos, e a perigosidade dos mergullos nas praias e ríos. Ademais, falou das barreiras arquitectónicas, psicolóxicas e sociais que hai en torno ás persoas con discapacidade. A continuación, Ángel, tetrapléxico e socio de COGAMI, compartiu cos rapaces unha tertulia animada onde lles explicou a súa forma de vida diaria e a súa motivación deportiva pola natación.
