Xuventudes Socialistas de Lugo organiza un debate para este xoves, día 23 de maio, ás 20.00 horas na Casa da Xuventude lucense coa temática ‘O futuro da educación pública ao abeiro das decisións non consencuadas’. O debate xirará en torno a temas de actualidade con incidencia tanto na provincia como no resto do país, como son os polémicos decretos aprobados de xeito unilateral polo PP que afectan á educación, a LOMCE ou o desmantelamento de centros como o IES As Mercedes lucense coa habilitación como Centro Integrado de FP. “Todas elas, decisións que se caracterizan por algo común: a falta de consenso, de respecto e de diálogo coa comunidade educativa e cos representantes sociais”, afirman desde Xuventudes.
“Ante unha situación de política de feitos consumados tan grave, que afecta ao noso futuro, non podemos quedar de brazos cruzados e queremos que se nos escoite, por iso decidimos facer o que non fai o PP e dialogar cun debate xuvenil no que tamén os demais estean representados”, explican. Así, neste debate intervirán Leticia Seara, representante de Xuventudes Socialistas en Lugo, Daniel Vega, de Novas Xeracións do PP, e Rubén Arroxo, de Galiza Nova.