Os danos afectaron a preto de 400 metros de cable eléctrico e a pesar da magnitude o arranxo realizouse en menos de 24 horas
Cervo, 20 de maio de 2013-O Concello de Cervo anunciou hoxe que os danos na liña eléctrica que dá subministro ao reemisor de televisión de San Román xa foron reparados. Unha avaría que deixou sen cobertura de TDT ao veciños de tres parroquias na tarde do sábado e a mañá do domingo e cuxo servizo xa foi restablecido.
En concreto, a avaría tivo lugar sobre as 18:00 horas do sábado, cando operarios dunha empresa madereira que traballaban na zona danaron a liña eléctrica estragando uns 400 metros de cable. Un accidente que provocou a falta de subministro eléctrico ao reemisor de TDT de San Román, polo que os veciños de Rúa, San Román e parte de Cervo quedaron sen cobertura de televisión ata as 12:30 horas do domingo.
Tendo en conta a magnitude da avaría foi preciso mobilizar a técnicos e operarios do Concello, que procederon a reparar no menor tempo posible os danos causados. Ata o lugar tamén se achegaron axentes da Garda Civil.
O rexedor, Alfonso Villares, que acudiu ao lugar en canto tivo coñecemento do sucedido, quixo agradecer “a dilixencia coa que traballaron os servizos municipais, que conseguiron repoñer o servizo nun tempo récord, en menos de 24 horas, o cal tendo en conta a dimensión e o alcance da avaría é de destacar”. Ao mesmo tempo Villares quere aproveitar para “pedir desculpas aos veciños que se visen afectados e tamén comprensión, xa que unha avaría tan grande non se podía repoñer de inmediato”. O mandatario cervense tamén explicou que a empresa madeireira que provocou o incidente de forma fortuíta fíxose responsable dos danos e asumiu o custo da reparación, que ascendeu a preto de 3.000 euros.