RIBADEO (FNC) .- Mañá xoves reúnense varias comisións informativas previas ao pleno que se celebrará o vindeiro luns 18 de maio e nas que se abordarán cuestións importantes. Segundo explica o alcalde, Fernando Suárez, “unha é a subvención que propoñemos para o plan concertado de servizos sociais deste ano, este acordo que anualmente facemos para que a Xunta nos subvencione parte desa importante aportación municipal e deste eixo básico no que é a distribución de fondos durante o ano en materia de servizos sociais. Si cabe este ano máis incrementada porque finalmente grazas á aprobación deste regulamento de funcionamento do Hospital Asilo de Ribadeo pois podemos metelo, para ver si a Xunta este ano nos da por primeira na historia vez algún tipo de axuda directa a este centro dentro destes plans concertados”.
O rexedor engade que “o gasto global para todos os servizos sociais estimámolo nuns 900.000 euros ao ano, a aportación municipal será de 507.000 e lle pedimos á Xunta 384.000 euros. Aquí queremos consolidar o que a Xunta fixo en todos estes anos nos que realizou un esforzo importante de cara á ampliación de servizos de axuda a domicilio. Algo que nos permitiu duplicar o persoal que tiñamos en axuda a domicilio pasando de 5 a 10 persoas. E agora trátase de consolidar tamén as axudas en vivenda comunitaria, en xantar sobre rodas, en actividades de prevención de dependencia e ao mesmo tempo meter tamén os gastos da residencia municipal, que si ben está xestionada por unha congregación relixiosa, realmente a titularidade última tamén recae no Concello”.
Taller de emprego
No pleno do luns daráse conta das solicitudes formuladas para pedir un novo taller de emprego entre os concellos de Ribadeo e de Castropol. Suárez Barcia sinala que “será un taller de ámbito autonómico onde queremos meter os arranxos da escola de Vilaselán, os do teleclube de Couxela, amaños no forte de San Damián, no cemiterio e mesmo no parque municipal. Para facer todo isto precisaríamos dos módulos que xa temos de albañilería, pintura, axuda a domicilio, carpintería, forestal ou xardinería. Pensamos que son suficientes estes cinco módulos para desenvolver todas estas actividades e esperamos que o ministerio nos revalide a Castropol e Ribadeo a posibilidade de ter un novo taller de emprego”.