Nota de Prensa
O PSdeG-PSOE de Cervo propón que a cerámica de Sargadelos estea presente nos agasallos institucionais do Xacobeo 2010.
O apoio aos traballadores e á empresa debe ir acompañado de propostas concretas
O Grupo Municipal Socialista de Cervo presenta unha enmenda á Moción que se debaterá no pleno, en apoio á cerámica de Sargadelos.
Os socialistas, a parte de apoiar aos traballadores e á empresa, queremos aportar unha proposta para que sexa tida en conta. Unha proposta viable e que significa a implicación da Xunta de Galicia e concretamente da Sociedade Xestora do Xacobeo 2010, cuio director foi nomeado estes días.
A proposta consiste en que a cerámica de Sargadelos estea presente como agasallo institucional, nos actos oficiais e de promoción e divulgación que a Xunta de Galicia leve a cabo con motivo da celebración do Ano Santo.
Dada a situación de crise que estamos a vivir, o PSdeG-PSOE considera que non se pode facer demagoxia cos postos de traballo das familias e por iso as declaracións dos Sres Balseiro e Villares, cada un polo seu lado e sen propostas concretas, non son boas. Botamos de menos a unión do Goberno Municipal, tan importante nestes momentos, e tamén a falla de iniciativas municipais.
Entendemos que é o momento da política con maiúsculas e non de utilizar a política de forma partidista contra aquel que ten outras ideas; por iso lle pedimos ao goberno municipal, que deixe de facer oposición, que para iso xa estamos nós, e que os desencontros mais que evidentes que podan ter entre eles, sexan solventados de portas a dentro.