O Alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, deu conta na xornada de hoxe do programa da VII Edición do programa da Feira da Artesanía do Ferro, unha cita xa tradicional na divulgación da cultura dos ferreiros tan característica na conca do Eo e que ten a día de hoxe continuidade no Concello de Riotorto, e que este ano se celebrará o Domingo 21 de Abril.
Segundo adiantou Estoa “o programa para a feira desta ano que comezará o domingo 21 ás 10:00 contará coas tradicións demostracións de traballos de forxa, onde participarán ferreiros de Riotorto, A Fonsagrada ou Guntín, en definitiva daquelas localidade onde pervive o oficio. Asemade ao longo do día contarase con diversas actividades para todo tipo de públicos onde descasaríamos os obradoiros de artesanía, de fabricación de carbón vexetal, outro vello oficio hoxe en vías desaparición intimamente ligado á forxa, así como actividades de animación onde destacan os pasarrúas musicais a cargo de “Volta e dálle” e as actividades teatrais como o espectáculo “o Afiador” do grupo “Os Quinquilláns”. Neste sentido se ben as actividades darán comezo ás 10:00 horas e se alongararán até as 20:00 h a inauguración oficial realizarase ás 12.00 h cun acto institucional no que se contará coa actuación dos “Gaiteiros de Riotorto” e do “ Coro de Riotorto”. A xornada fecharase xa rematada a tarde cunha actuación dunha das bandas de música máis recoñecidas do noso País, a Banda de Sober”.
O Alcalde de Riotorto “quere convidar a toda a poboación de Galiza, a comezar polo das comarcas máis próximas a acudir o fin de semana a Riotorto, seguro de que esta nova edición vai ser un éxito de participación igual que as anteriores, do que é ben indicativo que a día de hoxe xa son máis de 108 os expositores que teñen confirmada a súa asistencia no evento, o que contribuirá a facer da nosa localidade unha grande exposición da actividade económica que se xera no País. A feira é para nos unha xornada lúdica, de dinamización económica e promoción turística. Hoxe ao igual que na súa orixe a feira responde a un esquema de activación do tecido económico do Concello, unha boa mostra disto é o impacto económico que ten no comercio local, partindo dunha consideración fai sete anos novedosa pero que hoxe está a asumir a promoción turística na Comarca como se ve nos recentes programas da Mancomunidade da Mariña. Isto é, un paquete que vincule o turismo ligado a artesanía, partindo de que Riotorto é no seu conxunto un grande taller de artesáns, pero sen artificialidade algunha, posto que a actividade dos ferreiros permanece viva desde fai máis de 500 anos”.
Estoa destacou que “ a Feira alén das consideracións anteriores pretende contribuír a dignificación da profesión e a súa continuidade e situase nun plano integral de facer concelles partindo daquelo que nos diferencia como é o ferro. Pero tamén axuda a situar a Riotorno no mapa e sobre a aumentar a autoestima dos seus veciños. Actividades como esta sen dúbida algunha fan boa a formulación de que os poderes públicos xogan un papel central na activación económica e negan o apriorismo de que desde o ámbito local non hai posibilidades de traballar neste ámbito”.