Os deputados socialistas preguntarán se desde o Goberno galego comparten as afirmacións sobre o feminismo, o ateísmo e o comunismo, “porque parece que é o único xeito de que os responsables do PP falen ante un feito reprobable” e se teñen previsto tomar medidas, xa que “os cargos públicos, e máis nestes momentos, deben dar exemplo de tolerancia e sensatez ante a cidadanía”.
Os deputados do PSdeG veñen de rexistrar no Parlamento dúas preguntas en pleno e comisión no Parlamento galego “ante o silencio dos responsables do PP tras as declaracións do alcalde de Barreiros” que o partido denunciou onte nun comunicado público. Os socialistas apuntan que “se o único xeito de que desde o Goberno galego se pronuncien ante un feito reprobable é levalo á Cámara galega, así hai que facelo”. Desde o PSdeG preguntarán se o Goberno do PP “comparte” as afirmacións sobre o feminismo, o ateísmo e o comunismo realizadas por Alfonso Fuente e se teñen previsto tomar medidas ao respecto, porque “os cargos públicos sempre, e máis nestes momentos, deben dar exemplo de tolerancia e sensatez ante a cidadanía”.
Esta iniciativa chega despois da denuncia realizada onte desde o partido en Lugo polos socialistas de Barreiros, que esixiron que o PP censure as declaracións de Alfonso Fuente, e que este pida desculpas despois dunha “máis que desafortunada” afirmación no último pleno municipal o pasado venres, no que asegurou que “os comunistas deixan de ser comunistas cando teñen cartos, as feministas deixan de ser feministas cando casan e os ateos deixan de ser ateos cando cae o avión no que viaxan”.
Esta frase foi parte da resposta do alcalde ao PSdeG e o BNG despois de defender o seu voto en contra a unha moción para a supresión do repago nos comedores escolares, para o que argumentou que non é xusto que os seus fillos non paguen polo comedor, equiparándoos a outras familias que teñen menos cartos. Foi nese momento no que sacou o tema do “comunismo”.
A secretaria xeral do PSdeG en Barreiros, Carmen Veiga, lamentou as afirmacións, “que retratan o seu machismo e fanatismo intolerante, cunha falta de respecto absoluta polos que non comparten as súas ideas”, e denunciou asimesmo que a secretaria do Concello non reflectiu na acta a afirmación, a pesar das protestas despois de que unha representante do BNG esixise que o rexedor se retractase. “O despotismo e o desprezo co que actúan moitos alcaldes do PP nos seus municipios é intolerable, cren que o pobo é seu e que son invulnerables”, lamentaba Carmen Veiga.