O ALCALDE, QUE RECIBIU A CONFIRMACIÓN DO PRESIDENTE DOS HOSTALEIROS DA PROVINCIA, CONSIDERA QUE O TRABALLO FEITO EN FITUR NO 2012 SEGUE A DAR OS SEUS FROITOS.
Burela, 16 de abril de 2013. O peixe de Burela volverá a estar no cátering da Vuelta Ciclista a España na súa edición do presente ano, salvo atrancos de última hora, segundo afirmaba hoxe o alcalde burelés, o popular José María González Barcia. O peixe de Burela xa estivo presente no cátering da Vuelta Ciclista na ano 2012.
González Barcia recibiu a confirmación de Cheché Real, presidente da Asociación de Hostelería da provincia de Lugo, confirmación que tamén chegou ós responsables de ABSA e da Confraría de Pescadores. Para Barcia, “esta é unha moi boa noticia, xa que na situación actual de crise calquera divulgación que se faga dos nosos produtos e do noso concello ten que ser aplaudida, sobre todo cando o retorno pode ser moi superior ó custe efectuado”.
O alcalde burelés indicou que “todo o mundo sabe a repercusión que ten este evento deportivo na prensa escrita, nas radios e nas televisións; todo o mundo sabe a cantidade de xente que arrastra, e polo tanto considero de enorme importancia a presenza de peixe de Burela na Vuelta Ciclista a España”. Así mesmo, engadiu que “agora tócalle ó sector concretar coa Asociación Provincial de Hostalería que especies serán as que se promocionen e de que maneira”.
Barcia lembrou que “foi en Fitur 2012 onde se comezou a concretar esta presenza do peixe de Burela na Vuelta Ciclista. Alí mantiven persoalmente os primeiros contactos con Cheché Real. Agora vese que a presenza en FITUR o ano pasado deu e da os seus froitos”. Pero o alcalde tamén foi claro: “houbo xente que criticou a miña presenza en Fitur o ano pasado, que fora moi cara…, mesmo se mofaron do anuncio que eu mesmo fixen no seu momento sobre a presenza de peixe de Burela na Vuelta Ciclista; esas persoas seguro que non aplaudirán que o noso peixe volva ó cátering da Vuelta Ciclista a España, iso demostra a súa nula altura de miras e tamén que nada se lles pode pedir. Alá eles e os seus complexos”.
O alcalde, finalmente, anunciou que Burela estará en FITUR na vindeira edición, “se este ano non fomos, non foi precisamente polo que puidera dicir a oposición, pero se queremos que nos coñezan no mundo do turismo, temos que amosarnos e Fitur é o escaparate ideal”.