O BNG de Burela quere expresar o descontento e a incredulidade que dende hai uns meses circula pola vila debido á incomprensible desaparición da Liga Local de Fútbol Sala, que contaba con, polo menos, 30 anos de historia ininterrompida.
A “Liga de Burela”, como se coñece popularmente na vila, non só era unha competición afeccionada ou unha actividade do concello. Era moito máis ca iso. Nela podíase observar como pais e fillos xogaban no mesmo equipo ou como adversarios, como se mesturaban as xeracións e as distintas nacionalidades reinando un ambiente de deportividade e amabilidade xeral que redundaba no tecido social da nosa localidade. Mostra disto é o nome do equipo mais lonxevo e que participou en case que todas, senón todas, as edicións, o “Amistade”, tamén un dos mais laureados. Pódese asegurar que é unha competición que comezaron xogando os avós dos que agora estaban a competir.
Mais todo isto parece que lle importa moi pouco ó goberno local de Burela, xa que permitiu que chegase a desaparecer a competición, despois de tantos anos. Xa o ano pasado comezou tarde, o que provocou que moitos dos equipos se botasen atrás e decrecese a participación. Probablemente a concelleira de Deportes non tivese coñecemento da Liga e por iso deixou a todos os participantes habituais sen o seu habitual entretemento dos venres pola noite.
Non poden dende o Concello escudarse nos recortes nin na crise para xustificar este asunto xa que a competición practicamente se autofinanciaba coa cota de inscrición dos equipos e coa publicidade dos cartaces que anunciaban cada nova xornada. En todo caso o gasto desta actividade era infinitamente menor que o que pode supor un sistema para que os empregados do concello fichen, un estudo para comprobar o que realmente se está a aforrar apagando o alumeado municipal ou, sobre todos estes conceptos, as dietas do señor alcalde dende que entrou no cargo.
Logo de deixar sen axuda ou subvención algunha ás asociacións tanto deportivas coma culturais, atacando así o deporte e a cultura de base, pódese engadir o feito de que o Concello abandone unha das súas actividades mais antigas e integradoras.
En resumo, o goberno municipal, co seu alcalde á cabeza, o Sr. González Barcia, segue de costas á rúa, obsesionado cos recortes a calquera prezo e limitándose a estar ben cómodo nos seu despacho ou de paseo para cobrar dietas. As consecuencias son ben claras, a eliminación de toda actividade de base, actividades que como no caso da Liga de fútbol sala de Burela, teñen un escaso ou nulo custe económico e proporcionan un grande beneficio social. Día a día, o equipo de goberno demostra que non lle interesa unha Burela participativa e integradora e pola contra só traballa seguindo as ordes que lles marcan desde arriba e de costas ao veciños e veciñas de Burela.