Esta conferencia enmárcase dentro das actividades paralelas á exposición sobre Antonio Casares que se clausura este venres na sala de exposicións da Deputación de Lugo
Manuel Bermejo é catedrático de Química Inorgánica da USC e comisario da mostra sobre o pai da Química moderna en Galiza que está aberta ata o venres
Lugo, 12 de marzo de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro presentou esta tarde no salón de actos da Deputación de Lugo a conferencia que ofreceu Manuel Bermejo, catedrático de Química Inorgánica da USC e comisario da mostra sobre o pai da Química moderna en Galiza, Antonio Casares, que se clausura o venres na sala de exposicións da Deputación de Lugo.
Na súa intervención, titulada ‘Antonio Casares. Vida e obra dun científico lugués excelso’ Bermejo fixo un breve percorrido pola vida e as múltiples achegas científicas feitas por Antonio Casares. Este monfortino, considerado como un gran defensor da experimentalidade, escribiu 116 tratados científicos dos máis diversos temas entre 1836 e 1888, ademais de elaborar o primeiro mapa enolóxico de Galicia. A consecución de luz eléctrica ou o descubrimento dun mineral conforman tamén parte do amplo legado científico de quen tamén fora reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
O relatorio de Manuel R. Bermejo, comisario da mostra ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, que se puido visitar desde o pasado 16 de xaneiro na sala de exposicións da Deputación de Lugo, onde permanecerá aberta ao público ata este venres 15 de marzo, encádrase dentro das actividades complementarias organizadas no marco do ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’, co que a USC rende homenaxe ao que fora o seu reitor.