Lugo, 12 de marzo de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro presentou esta mañá o vindeiro concerto do ciclo Lubicán, que se enmarca dentro do convenio LugoCultural. Na presentación estivo acompañado do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García, a concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, e o integrante do grupo Os Minhotos, Bruno Villamor.
Tal e como anunciou Mario Outeiro, “Os Minhotos no concerto que terá lugar este xoves, ás 20:30 horas no Auditorio Gustavo Freire, presentarán o seu novo disco “Pinga d’Auga, nun concerto no que estarán acompañados tamén polos músicos que colaboraron no disco e no que nos aventuraron que tamén haberá outras sorpresas. Coma todas as actividades que se programan dentro do convenio LugoCultural, a entrada será de balde até completar o aforo, polo que agardamos que acudan moitos e moitas lucenses a arroupar a este grupo tan ligado á nosa música tradicional e á nosa cultura. De feito, todos os seus compoñentes están vinculados á nosa música desde moitas vertentes: desde a docencia musical á fabricación de instrumentos tradicionais, así como ao asociacionismo cultural para proxectar a nosa cultura musical, polo que lles debemos agradecer todo o que fan por manter e pór en valor a nosa cultura”.
‘Os Minhotos’ é unha formación luguesa integrada por Alberto Castro, gaita, pandeiro, pandeireta e bombo; Bruno Villamor, gaitas zanfona, requinta, pandeireta e tamboril; Paula Fernández, acordeón; Vítor Otero, zanfona, gaitas percusións, e Xaneco Tubío, tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas e ferriño.
Do mesmo xeito, Mario Outeiro tamén lembrou, dentro das actividades en que a USC e a Área de Cultura da Deputación colaboran, que hoxe conclúe a XIX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Lugo, coa representación en dous pases, ás 18.30 e 21.00 horas, da obra ‘Animaliños’, unha adaptación libre da obra de Roberto Vidal Bolaño feita e dirixida por Paloma Lugilde.
Tamén ás 7 da tarde, o catedrático de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Manuel R. Bermejo Patiño, no salón de actos da Deputación, impartirá a conferencia ‘Antonio Casares. Vida e obra dun científico lugués excelso’, como acto dentro da exposición sobre Antonio Casares que se clausura este venres na sala de exposicións da Deputación de Lugo.