Foz, 6 de marzo de 2013. A Delegación da Muller do Concello de Foz, cuxa responsable é a concelleira popular Mercedes González Alonso organiza un concurso de comentarios nas redes sociais Facebook e Twitter para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora. O certame que comeza hoxe concluirá o sábado, día 9, ás oito da tarde.
A edil da Muller explicou que “todo aquela persoa que queira dar unha homenaxe a unha muller determinada (a súa nai, a súa irmá, a súa muller, a súa moza ou ás mulleres en xeral) pode facer esa reflexión, ese pensamento, un poema, unha frase ou calquera cousa que queira escribir, pode facelo nas nosas páxinas de Facebook e Twitter do Concello de Foz. Despois en mensaxe privada deixará os seus datos persoais para que poidamos poñernos en contacto se resulta gañador”.
O premio para o comentario que lle pareza máis bonito ó xurado é unha cea para dúas persoas doada polo restaurante Dandy e poden participar “todas aquelas persoas que o desexen a partir de 12 anos preferiblemente en galego pero se a súa forma de expresarse é o castelán non hai problema ningún”, explicou Mercedes González.
O prazo para presentar comentarios ó concurso finaliza este sábado, día 9, ás oito da tarde, e a partir desa hora celebrarase na Casa de Cultura de Foz o Festival dos Namoradas, no que haberá “un recital poético-audiovisual a cargo de Yolanda Castaño: é un acto multimedia novidoso no que esta muller, xa coñecido por todos, fará unha proxección cun recital de poemas”, anunciou a concelleira da Muller.
Ademais, Mercedes González comentou que “no festival entregaranse os premios do décimo segundo certame de poemas de amor que se realizou para conmemorar o día 14 de febreiro, o Días dos Enamorados, e xa temos os gañadores que imos a recordar para non se lle esqueza a ninguén: na categoría infantil o primeiro premio é para o poema O meu amor, de Candela Fernández López, de Xove; na categoría xuvenil o primeiro premio é para un poema que non ten título e a súa autora é Marina Isabel Riesco Amurrio, de Foz; o segundo premio, para Amor feiticeiro, de María González Fernández, tamén de Foz; e xa na categoría de adultos o primeiro premio é para o poema Volve, de Arturo Mogo, de Ribadeo, e o segundo premio, para Amor prototipo, rimas de Laura Díaz García, de Foz”.
A edil da Muller destacou que no concurso de poemas con motivo de San Valentín participou “xente de todas partes: de Alfoz, de Burela, de Ribadeo, de As Pontes, de Cee. É un certame poético que xa ten unhas cantas edicións e xa é coñecido ó longo e ancho da xeografía; non nos quedamos soamente limitados ó que é o noso concello nin á nosa provincia”. Tamén resaltou que “parte dos premios son grazas ó patrocinio do restaurante O Lar, que doa unha cea para dúas persoas, e Viajes Rodríguez, que dá unha noite de hotel para dúas persoas”.