Ribadeo, 6 de marzo de 2013. O Consello Consultivo de Galicia avalou a decisión do Concello de rescindir o contrato coa empresa que executou parte da obra do pavillón deportivo de Ribadeo. Este foi un dos asuntos abordados no pleno extraordinario de onte no que por unanimidade se aprobaron a reclamación previa da asociación de montes veciñais en man común Monte Cordal, á que o Concello lle recoñecerá a titularidade de dous camiños e tamén o convenio urbanístico entre o Concello e os propietarios dun solar na Avenida de Galicia.
O rexedor sinalou que “o Consello Consultivo de Galicia informou favorablemente a proposta de resolución que formulamos desde o Concello no sentido de rachar o contrato por incumprimento do prazo de execución da obra e ao mesmo tempo isto conlevará á incautación da garantía, ao resarcimento de danos e perdas e tamén se acordou efectuar os contratos urxentes e imprescindibles para garantir a seguridade de obra”.
Suárez Barcia manifestou que “continuamos o trámite, que é longo e tedioso, con toda a determinación para canto antes sexa posible licitar o resto do proxecto pendente para que os veciños e veciñas de Ribadeo poidan utilizar este novo pavillón, que financiou integramente a Deputación Provincial de Lugo, e que ven substituír ao vello que tiña unha situación de esgotamento estrutural e de perigo inminente para os usuarios”. E engadiu que “neste longo camiño tamén o Concello é vítima da situación económica que poida provocar que empresas que gañaron concursos non poidan entregar as obras nos prazos comprometidos, pero a nosa misión é garantir que o novo pavillón chegue a bo porto”.
Na sesión plenaria extraordinaria de onte abordouse a reclamación presentada pola asociación de montes veciñais das Anzas. O alcalde lembrou que “se trata dun asunto que quedaba enriba da mesa noutro pleno anterior para buscar máis información co fin de determinar de quen era a titularidade de dous camiños que reclamaban. Despois de solicitarlle á Consellería de Medio Rural que nos ampliase información en dúas ocasións, as súas respostas non foron esclarecedoras para nada desta discrepancia que tiñamos aquí. Si que foi determinante a documentación aportada polo presidente da comunidade de montes das Anzas, o que permitiu que os servizos xurídicos do Concello entendan agora que queda absolutamente claro que eses camiños non lle pertencen ao Concello. Onte por unanimidade de todos os membros da Corporación acordamos recoñecelos coma seus, coma comunais, e dar as instrucións precisas ao catastro para que corrixan ese erro. Temos que lamentar todo este tempo de incerteza que pasou ata chegar ao pleno de onte”.
O último dos puntos foi a aprobación inicial dun convenio urbanístico entre o Concello de Ribadeo e os propietarios dunha parcela na avenida de Galicia, “é un paso máis dos acordos que imos adoptando na comisión de urbanismo onde estamos representados todos os grupos da Corporación para traballar na aprobación do tan agardado plan xeral de ordenación municipal. Neste caso acordamos que as dotacións públicas coma esta e coma outras partes urbanas da vila se poden mellorar con este tipo de convenios que agora vai ir a exposición pública durante o tempo legalmente establecido. Ademais entendemos que imos adiantando aspectos para ir cara o seguinte paso do Pxom, que sería a aprobación provisional”, subliñou Fernando Suárez Barcia.