BARREIROS .- O BNG pedirá no pleno dos orzamentos de 2008 a retirada da proposta presentada polo PP na comisión de economía e facenda “senón se corrixen os erros e os defectos que detectamos neste novo borrador que nos presentaron en xuño, despois de teren retirado o presentado no mes de marzo”, explica o voceiro nacionalista, Antonio Veiga.
Desde o BNG tachan de complexa a situación económica do Concello de Barreiros que “segue a dar bastantes dores de cabeza”. Antonio Veiga asegura que “fomos recibindo a información destes orzamentos a contagotas. É curioso que non coñecemos ata as sete da tarde de onte o informe de intervención do Concello, non porque non fora realizado por ese departamento, senón porque non os recibiron antes para seren informados. Nós pouco puidemos facer nesa comisión máis que ir lendo os cinco folios do informe de intervención nos que se informa de xeito desfavorable e nos que se di practicamente o que nós tamén imos pedir que é a retirada dese proxecto de orzamentos para 2008”.
Antonio Veiga critica que neses presupostos “aparecen partidas de ingresos incrementadas e partidas de gastos sobredimensionadas. Sería moi difícil na execución deses orzamentos manter unha estabilidade presupostaria en Barreiros. Isto é un auténtico caos e unha chapuza do concelleiro de Economía e do alcalde, Alfonso Fuente que non saben por onde andan”.
Investimentos
Ao BNG chámalle a atención “a discrecionalidade nas subvencións, xa que hai anos que vimos reclamando a elaboración dunha ordenanza reguladora para que eses cartos se repartan entre as asociacións que máis traballan. O ano pasado o concelleiro de Economía recoñecía que a partida de inversións era raquítica e dicía que habería que subila ata o 25% do presuposto. Pois ben agora pasa do 14% no ano 2007 ao 17% neste 2008, é dicir só sube 3 puntos”.
Antonio Veiga considera que o PP “ten que retirar estes orzamentos e poñerse as pilas e traballar porque están totalmente perdidos e podemos entrar con serios problemas financieiros para o Concello de Barreiros. Mirando a liquidación do ano 2007 hai un desfase de 712.000 euros, algo que é curioso porque os orzamentos foron feitos na última quincena do ano co exercizo prácticamente vencido, e senón son capaces de facer cadrar as contas entón esto xa non sabemos o que é. Pedímoslle ao PP que elabore uns novos orzamentos con sentidiño e que obedezan ás necesidades reais do Concello de Barreiros”.