BRELA (FNC) .- A corporación municipal de Burela someterá a aprobación a adhesión deste Concello ó Grupo de Acción Costeira. O alcalde, Alfredo Llano, cre que “temos que estar aí e farémolo de xeito oficial debatíndoo en pleno. O obxectivo será facer o mellor posible aquelo que sexa positivo para Burela. É importante estar neste grupo”. O pleno celebrase o xoves ás 20:00 horas.
Outro dos asuntos que se abordará será a aprobación do borrador do regulamento do comité de xestión das praias de Burela. Llano explica que “se trata dun comité que se crea para participar na elaboración e posta en práctica e seguimento de métodos de actividade e de xestión ambiental nas praias municipais. Estarán presentes agrupacións e asociacións de Burela relacionadas co medio ambiente e participan tamén todos os grupos políticos. O que se pretende é facer un seguimento do estado das nosas praias para que estean o mellor posible sempre”.
No pleno de mañá debatiránse tres mocións presentadas polo PP, “e temos que decir que algunhas delas chegan tarde”, segundo sinala o rexedor burelés. Alfredo Llano alude “por exemplo á relativa á sustitución de biondas na estrada Burela-San Cibrao porque xa o plantexamos diante da Deputación. No seu momento o grupo moteiro Os Centolos nos fixo chegar esta demanda e nós xa estamos traballando nesta cuestión. Tamén plantexan que se convoque á comisión que redactará os estatutos do museo e do arquivo e teño que decir que temos previsto facelo agora xa no mes de maio. E a terceira é para nomear ós representantes de Burela na Mancomunidade de Municipios da Mariña, unha mancomunidade que se reactivou despois dun parón dun par de anos. Un dos representantes será do PP e outro do equipo de goberno”.