Cervo, 5 de febreiro de 2013-Os nenos e nenas da sección de patinaxe das Escolas Deportivas de Cervo participaron esta fin de semana nunha das actividades complementarias que se poñen en marcha ao longo do curso. Nesta ocasión, como xa é habitual nestas datas, o alumnado participou nunha saída á pista de xeo da Coruña na que estiveron acompañados de monitores.
Esta viaxe, gratuíta e dun día de duración, pretende “ofrecer unha actividade entretida e motivadora aos nenos e nenas que acoden habitualmente ás clases de patinaxe das Escolas Deportivas, ofrecéndolles a posibilidade de practicar esta disciplina nun lugar distinto ao que están habituados e cunhas características diferentes como é unha pista profesional” explica o edil de Deportes, Luis Guillén.
A patinaxe é a sección con máis número de alumnos das Escolas Deportivas, nas que se inclúen unha decena de actividades para público infantil e adulto e nas que participan un total de 200 persoas. Para os nenos e nenas estase impartindo, ademais de patinaxe, pequexogos, baloncesto, fútbol sala, multideporte (hockei, atletismo, orientación, pádel, badminton…) e tenis.
En canto ás iniciativas para adultos estase ofrecendo ximnasia de mantemento, aeróbic e pilates. O interese dos cervenses por estas actividades e o incremento da demanda na sección de aeróbic levou ao Concello a abrir un novo grupo pola mañá en San Ciprián, con clases que comezan este mes de febreiro.
“Seguimos apostando polas Escolas Deportivas como un catálogo completo de actividades que compaxinan a práctica de exercicio físico co entretemento e que nos permiten fomentar con éxito a actividade deportiva” remata Guillén.