O Bloque de Xove preguntará no pleno sobre a «Operación Rei»
Os nacionalistas pediron información formal por escrito sobre o arranxo da rúa Apeadeiro, o custe do Calendario 2013 editado polo Concello e a investigación do goberno de Xove dentro da trama de adxudicación de obras a dedo
O voceiro municipal do grupo nacionalista en Xove interrogou o goberno local coa finalidade de saber se as novas obras de acondicionamento da rúa Apeadeiro se están realizando a costa do Concello ou se a súa execución corre a cargo dalgún tipo de garantía subscrita coa empresa adxudicataria da obra. Marco López lembrou que esta vía estase a reparar por terceira vez a pesar de que foi arranxada na súa totalidade durante a pasada lexislatura.
O BNG tamén quere coñecer o custo da edición, maquetación, impresión e distribución do Calendario 2013 “a toda cor” que repartiu o executivo xovense entre a veciñanza. Unha práctica que Marco López entende que non corresponde aos poderes públicos, dado que é habitual que os establecementos comerciais repartan almanaques con publicidade entre a súa clientela. Asemade, o voceiro nacionalista declarou que “non se trata dun servizo indispensable a prestar pola Administración, senón máis ben dun gasto prescindible”.
Por último, desde o Bloque amosaron o seu malestar polo feito de que Xove sexa un dos concellos mariñaos que figuran afectados pola investigación da «Operación Rei» que se tramita no Xulgado de Instrución núm. 3 de Lugo. Por esta razón, Marco López interesouse polas pescudas que a Fiscalía luguesa está a realizar e, en concreto, se a Policía Xudicial solicitou algún tipo de documento nas oficinas da Casa do Concello.