Dende hai anos vimos reclamando urbanismo responsable. A presión construtora na Costa de Lugo, lóxica e necesaria en períodos de bonanza económica, produciu auténticas aberracións paisaxísticas e dificultades de uso urbano, por falta de planificación dos propios concellos.De feito a maioría deles estanse rexendo por normas urbanísticas totalmente desfasadas e moi permisivas. Pero os concellos non se atreven a actualizar as normas por medo á confrontación cos veciños, moitas veces, instigada ou aproveitada polos partidos da oposicións. É fácil usar demagoxicamente as lexislacións urbanísticas porque sempre inciden nas cuestións económicas e no interese particular de cada veciño. Todo o mundo quere sacar proveito do seu solar, as zonas verdes son sempre necesarias, pero na casa do veciño, por que todos queremos a mesma capacidade de edificación, os aparcamentos son necesarios, pero protestamos contra as rúas con “exceso” de ancho, etc. Tal é esta presión que moitas veces tense pedido intervención de Xunta ou de instancias superiores para deixar aos concellos libres de presión veciñal e dos construtores, pero isto non ten sentido porque vai en contara da necesaria autonomía municipal. Polo tanto a solución está na responsabilidade das formacións políticas para non usar os intereses comúns do concello como arma política. No concello de Ribadeo acaba de darse o primeiro caso de toda a mariña, un bo exemplo de responsabilidade política e de apertura de miras polo futuro urbanístico do concello… Agora esperemos que se propague o exemplo no resto dos concellos..
Urbanismo responsable