Marcial Sanjurjo solicita a Gómez Besteiro que auxilie ao concello de Ourol na adecuación do vial de Sabucedo
Ourol, 6 de febreiro de 2013.- O rexedor de Ourol, Marcial Sanjurjo Fernández, dirixiuse ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a través dun escrito no que solicita ao ente provincial que auxilie ao Concello na adecuación do vial do lugar de Sabucedo.
O popular explica que o mal tempo e as choivas ocasionaron o pasado mes que un desprendemento se levara consigo parte dun vial no lugar de Sabucedo, provocando o aillamento de dúas familias. Ante esta situación, o Concello habilitou un camiño alternativo que lle supuxo un custo de 15.000 euros.
O Concello de Ourol está a traballar na procura dunha solución que solvente esta situación pero dada a dificultade que ten o municipio para afrontar o custe desta adecuación, Marcial Sanjurjo solicita e defende a colaboración doutras administracións públicas.
Así, o rexedor local pídelle a Gómez Besteiro que, en exercicio das súas competencias, colabore co municipio ao igual que se comprometeu a facer con outros concellos para dar solución a unha circunstancia que, todo apunta, a que é idéntica.
Tendo en conta este compromiso con outro municipio e no marco das súas competencias de asistencia, cooperación xurídica, económica e técnicas cos municipios, o popular pídelle á Deputación que auxilie ao concello de Ourol, e que esta colaboración permita dar unha resposta inmediata e definitiva, co obxecto de lograr o restablecemento da circulación segura sobre este vial.