O ANO PASADO OS BURELESES RECICLARON 142 TONELADAS DE VIDRO, UN 5% MÁIS QUE NO 2011. PATRICIA LÓPEZ EIJO ANIMA AOS VECIÑOS A NON BAIXAR A GARDA E A SEGUIR MELLORANDO.
Burela, 6 de febreiro de 2013. Os bureleses reciclaron 142 toneladas de vidro o ano pasado, segundo os datos que daba a coñecer esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo.
A edil popular indicou que “en 2012 os bureleses depositaron 142 toneladas de vidro nos iglús instalados na vila, o que fixo posible reciclar 425.000 botellas deste material”. A reciclaxe de vidro incrementouse en máis dun 5% no último ano. A media anual por habitante sitúase próxima aos 15 kilogramos, “superando en 4, en 2, e en 0,5 puntos respectivamente os valores das medias provincial, autonómica e estatal correspondentes a 2011”.
López Eijo subliñou que “coa súa aportación á cadea de reciclaxe de vidro, os bureleses contribuíron a reducir o volume de residuos en vertedoiros e optimizar o proceso de fabricación de novos envases de vidro. Así reduciuse nun 20% a contaminación atmosférica, ao igual que o consumo de enerxía e tamén a erosión do chan derivada da extracción de materias primas. A separación selectiva do vidro ten especial relevancia, xa que se pode reciclar ao 100% sen perder ningunha das súas cualidades”.
A concelleira de Medio Ambiente manifestou que “a cuantificación da aportación burelesa no 2012 ao proceso de reciclaxe evitou a extracción de 170 toneladas de materia prima para a fabricación de novos envases de vidro e o consumo de 19.000 litros de petróleo”.
Patricia López Eijo anima “aos veciños e ás veciñas de Burela a non baixar a garda e a seguir reciclando e mellorando os nosos comportamentos. Iso será bo para as xeracións vindeiras e tamén para o noso medio ambiente”.