ESPAZO ECOSOCIALISTA APOIA A FOLGA DA COMUNIDADE EDUCATIVA CONTRA DA LEI WERT A ESIXE SÚA COMPLETA DEROGACIÓN
Espazo Ecosocialista Galego quere manifestar o seu rexeitamento máis enérxico á mal chamada ‘Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa’ (LOMCE) impulsada polo goberno do PP e polo ministro peor valorado, José Ignacio Wert, así como o seu apoio á folga convocada por toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, pais e nais) e ás concentracións e manifestacións que perseguen a súa completa derogación que terán lugar mañá nas principais cidades galegas.
A LOMCE, desde a perspectiva dos Ecosocialistas, resulta completamente innecesaria, nos termos en que foi plantexada, pois lonxe de mellorar a calidade educativa, tal e como afirma no título, levará o ensino a modelos amplamente superados polo tempo e a cidadanía, máis propios de épocas pre-democráticas e franquistas, tanto na organización do ensino como nos contidos. A supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, ou de todos aqueles contidos relacionados cos dereitos civís acadados nos últimos anos, sobre a igualdade entre homes e mulleres, a prevención da violencia de xénero, a educación afectivo sexual, entre outros, contrasta coa conversión, de novo, da relixión en obrigatoria e avaliable para todo o alumnado.
Trátase dunha lei centralista por canto restrinxe notablemente as competencias plenas que, en materia educativa, teñen asumidas constitucionalmente as comunidades autónomas, particularmente, en relación co ensino en galego e do galego.
A implantación de reválidas, como hai anos, a idades máis temperás, busca consolidar un modelo de carácter fortemente selectivo, elitista e segregador, clasista e nada equitativo, onde as oportunidades non estean vinculadas á capacidade e ó mérito do alumnado senón ós recursos económicos e a procedencia social.
A LOMCE supón ademais, un ataque sen precedentes ó ensino público e unha aporta decidida pola privatización, a canalización de recursos públicos cara ó ensino concertado, mesmo a centros que segregan por sexo, vulnerando dereitos elementais e recomendacións específicas da UNESCO.
Significa, tamén, un retroceso na participación da comunidade educativa (pais e nais, alumnado) nos órganos de goberno dos centros, nos Consellos Escolares, que verán reducidas as súas competencias en beneficio dos directores.
A LOMCE devalúa ou mesmo suprime contidos académicos de relevancia en materias como as ensinanzas artísticas, tecnolóxicas, coñecemento do medio, filosofía ou historia contemporánea, en beneficio dunha perspectiva educativa de carácter competitivo e emprendedor que imposibilite que o alumnado comprenda, criticamente, o mundo que o rodea.
Por todas estas razóns, Espazo Ecosocialista, chama á cidadanía a manifestar o seu rexeitamento máis activo da LOMCE, participando nas distintas concentracións e manifestacións convocadas pola comunidade educativa.