RAQUEL ARIAS INFORMA AO ALCALDE DE MONDOÑEDO QUE A MESA POLO DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DA ZONA CONVOCARASE NO PRIMEIRO TRIMESTRE DESTE ANO
Lugo, 5 de febreiro de 2013.- A delegada territorial, Raquel Arias, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Mondoñedo, Orlando González, na que estudaron diversos proxectos que axuden a reactivar a economía do concello.
Na reunión, que tivo lugar no despacho da representante do Executivo galego na provincia, Arias confirmou ao rexedor mindoniense que a mesa polo desenvolvemento económico da zona será convocada neste primeiro trimestre do ano.
Na xuntanza abordouse tamén a posibilidade de colaboración para dar un novo uso á antiga sede do Inem no concello, trala solicitude realizada polo concello para o uso das instalacións que ocupaba este servizo. Dáse a circunstancia de que o segundo andar do edificio está actualmente ocupado por unha escola infantil do Consorcio Galego de Benestar.
Así mesmo, Arias avaliou co alcalde de Mondoñedo a labor que está a desenvolver no municipio o obradoiro de emprego Terras do Masma, que habilitará un centro de interpretación no Barrio de Vilar. A Consellería de Traballo e Benestar inviste 211.597 euros neste proxecto, que proporciona formación e emprego a 24 traballadores desempregados e está impulsado polos concellos de Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá.
Ao respecto, a delegada territorial incidiu en que a cooperación administrativa “é nestes momentos máis necesaria que nunca para maximizar os resultados minimizando os custes, e abordar en común proxectos de futuro para o desenvolvemento da provincia de Lugo”.
O obradoiro é exemplo, ao igual que tamén a comisión de seguimento, da sensibilidade que está a amosar o Executivo galego con Mondoñedo e coa súa contorna para o seu desenvolvemento no momento actual.
Colaboración da Xunta para melloras na vía de Orxal a Pausalido
Por outra banda, Arias abordou tamén co alcalde mindoniense a situación do vial que comunica os núcleos de Orxal e Pausalido. Cómpre lembrar que o Concello de Mondoñedo solicitou a colaboración do Goberno galego no pasado mes de decembro co fin de solucionar a problemática neste camiño, no que a existencia dun noiro dificulta a circulación.
Segundo informou Arias, a Consellería de Medio Ambiente, a pesar de que esta estrada non é de titularidade autonómica, en sinal de cooperación comprometeuse a analizar a situación e proporcionar ao concello un posible diagnóstico, para o que se levou a cabo un informe técnico do caso.
No informe xa rematado aconséllase retirar o material que invade o camiño. Esta retirada deberá facerse dende as zonas laterais, xa que a medida que se elimine material poden producirse novos avances. Tamén se recomenda que por cuestións de seguridade se sitúe a maquinaria nunha posición que posibilite unha evacuación áxil da fronte do deslizamento.
No informe tamén se indica que unha vez que se produza a retirada de material dende os laterais, debe executarse un muro de escollera, deixando unha altura superior ao nivel do terreo no seu extradorso.
Este informe explica que unha forma de proceder alternativa á solución anteriormente indicada radica en tratar de forzar de modo controlado o deslizamento mediante a inxección de auga na greta de tracción. Esta opción non evita a execución dunha escollera de protección a posteriori para garantir a seguridade na vía.