O goberno local lembra que Estúa era o que no 2005 reclamaba que a Deputación mercase os terreos para ampliar o Museo do Mar
Cervo, 4 de febreiro de 2013-O goberno municipal explicou que na actualidade o Concello pide “o mesmo que reclamaba o voceiro do BNG de Cervo no 2005: que a Deputación merque os terreos que hai detrás do Museo do Mar e que se utilicen para amplialo”. O executivo local asegura que “nós unímonos a esa petición que facía o señor Estúa e que todos aprobamos por unanimidade nun pleno celebrado o mesmo ano”. O grupo de goberno lamenta “que o asesor do BNG na Deputación non sexa capaz de manter a mesa idea co paso dos anos, e que mude de pel segundo lle conveña”.
O grupo de goberno manifestou que “nós estamos do lado de toda a xente que desexa evitar que se constrúa un edificio de cinco plantas ao lado do Museo do Mar” e fai público o seu compromiso de “seguir reclamándolle á Deputación, como vimos facendo nos últimos anos, que merque a parcela situada detrás do museo para evitar que se edifique nel e, ao mesmo tempo, utilizalo para ampliar o museo”. O goberno cervense explica que “a adquisición da parcela por parte da Deputación é a única forma legal de evitar esa construción”.
A outra alternativa para impedir que a propietaria puidese edificar no seu propio terreo era “cometendo unha ilegalidade”, como era que o Concello non aprobase o estudo de detalle desa parcela. “Unha opción que levaría ao Concello aos Xulgados e que remataría coa orde de pagar unha cuantiosa indemnización á dona dos terreos por ir en contra da normativa urbanística”, manifesta o goberno municipal. “Non se pode actuar á marxe da lei e o Concello, prolongando os trámites para aprobar o estudo de detalle, arriscábase a ser denunciado” engaden alcalde e edís, “pero chegou un punto no que podiamos incorrer nun delito e tivemos que aprobalo”.
Ao mesmo tempo, o executivo local asegura que resulta “cínico” que Estúa lle queira botar a culpa ao Concello da situación da parcela anexa ao Museo do Mar “cando el, como asesor do BNG na Deputación, é un dos principais responsables de que non se amplíe o museo. É grazas ao seu consello e asesoramento que aínda non se mercou a parcela”.