PÓÑENSE EN MARCHA 7 GRUPOS DE EMERXENCIAS SUPRAMUNICIPAIS NA PROVINCIA DE LUGO GRAZAS Á COLABORACIÓN ENTRE XUNTA, DEPUTACIÓN E CONCELLOS
Os GES estarán situados na Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, Monterroso, Pontenova, Cervo, e Quiroga/Folgoso
Lugo, 4 de febreiro de 2013.- A Xunta en colaboración ca Deputación de Lugo e cos concellos da provincia poñerá en marcha 7 grupos de emerxencias supramunicipais (GES) na provincia luguesa, aos que se suman o parque municipal de Lugo, e 6 parques comarcais, segundo anunciou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva en Lugo.
O director xeral acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, e do vicepresidente da FEGAMP, Alfonso Villares deu a coñecer hoxe os novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que actuarán na provincia de Lugo e que veñen a completar a redefinición do mapa de emerxencias de Galicia, cubrindo a totalidade do territorio da provincia nunha distribución máis racional de recursos. Ademais dos 6 parques comarcais situados en Barreiros, Chantada, Sarria, Vilalba, Viveiro e Monforte de Lemos.
Segundo resaltou Santiago Villanueva, os 7 novos grupos están compostos por 12 profesionais das emerxencias, situados estratexicamente e superando o modelo anterior de Grumires, terán unha estrutura supramunicipal, dando servizo a varios concellos e cubrindo partes máis amplas do noso territorio, nunha distribución máis racional de recursos, cunha estrutura profesionalizada e permanente.
O novo mapa de emerxencias quedará formado deste xeito polos 7 Grupos Supramunicipais, situados na Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, Monterroso, Pontenova, Cervo, e Quiroga/Folgoso. E segundo detallou a delegada territorial, Raquel Arias, o grupo con sede na Fonsagrada dará cobertura ás comarcas da Fonsagrada e Meira; o de Guitiriz cubrirá a Terra Cha e Lugo; o de Becerreá cubrirá Os Ancares, parte da comarca de Lugo e Sarria; dende a sede de Monterroso cubrirase a zona máis occidental da comarca de Lugo, así como as comarcas da Ulloa e Chantada; dende A Pontenova, cubrirase a Mariña Oriental, parte da Mariña Central e Meira ; dende Cervo actuarase tamén na Mariña Central e na Occidental; e por último, Quiroga e Folgoso acollerán conxuntamente ao equipo encargado das comarcas de Quiroga e Terra de Lemos, con seis efectivos en cada sede.
Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios, etc, todos eles coordinados dende o 112.
A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, subliñou que “os 7 Grupos de Emerxencia Supramunicipal que actuarán en Lugo complementarán a actividade dos 6 parques de bombeiros que puxemos en marcha dende o Consorcio Provincial, organismo que creamos no 2008 e que financiamos ó 50% Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, acadando o 100% da cobertura de emerxencias na provincia luguesa. Con esta iniciativa mancomunamos ademais servizos imprescindibles para a seguridade dos nosos veciños, ó tempo que aliviamos de cargas económicas ós Concellos, asumindo dende a Deputación de Lugo e por primeira vez na historia do organismo provincial o 20% do custe desta prestación”.
Segundo apuntou o director xeral de Emerxencias, xa se está traballando coa Fegamp para a implementación destas actuacións de xeito que o servizo comece a funcionar no mes de abril. O custe anual dos grupos para toda Galicia rondará os 7,5 millóns de euros, e será financiado pola Xunta de Galicia 60%, deputacións provinciais 20% e concellos o 20%, destacando a necesidade de colaboración e esforzo de todas as administracións co obxectivo de dar un servizo a todos os veciños e veciñas da nosa comunidade.
Unha auténtica malla de seguridade
A distribución dos grupos, que foi consensuada entre Xunta, Deputacións provinciais e Fegamp, “tivo en conta criterios obxectivos para dar a mellor resposta ante as emerxencias, entre os que se atopan a poboación atendida, a localización en zonas con riscos potenciais ou a existencia de medios e recursos municipais na actualidade que se poidan aproveitar”, explicou Santiago Villanueva. Evitando ademais duplicidades, de tal xeito que ningún grupo de emerxencias se instale alí onde xa haxa un parque de bombeiros, tal e como se establece no Pacto Local.
O obxectivo da posta en funcionamento destes novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais “é crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia”. Un modelo que, segundo destacou o director xeral de Emerxencias, “non sería posible sen a colaboración entre as distintas administracións, non só entre a autonómica, as Deputacións e os concellos; senón tamén entre os propios concellos, que, na liña impulsada pola Xunta, cooperarán para ofrecer un servizo de resposta ante as emerxencias áxil, eficaz e profesional”.