Xerman como peixe na auga, apaña a “Galiña de Mos”
Nun xélido día e baixo a choiva que non deu trégola, xogouse no campo da feira de Castro de Riberas do Lea o III Aberto de Billarda da Galiña de Mos” correspondente a 6ª xornada da LNB da Conferencia NorLeste.
Un total de 45 valentes loitadores se deron cita neste aberto desafiando as condicións adversas. Nin a friaxe que nos roia os osos nin a manta de auga que nos caeu por riba foron quen de parar o empuxe da serpe multicolor e o aberto chegou ata o final malia as pozas que se formaban no chan e facían aboiar as billardas.
A competición faise mais interesante e animada cando nos enfrontamentos se produce algunha que outra sorpresa non agardada e así pasou tamén nesta xornada impedindo que algún dos favoritos acadase o pleno de vitorias, foron tres os palanadores que remataron invictos. Coedo de Billardeiros Musicais, Oscar de Tropa lixeira e Xermán de Ekipa Bítere disputaron entre eles o dereito a levar para o seu curral a galiña de Mos.
Nas tres carreiras correspondentes o mais regular foi Xermán, outrora asiduo inquilino nos podios, quen de novo acada o cumio nun aberto. Mantívose firme malia o acoso de un Coedo en racha e de un Oscar que nesta final baixou un pouco o nivel que ven amosando derradeiramente. Algo tivo que ver si dúbida o lusco-fusco no que se disputou o envite, pero os tres estaban en igualdade de condicións e quen tirou mais proveito foi o incombustible XERMAN VILUBA que subiu de novo o olimpo dos elixidos lanzando un desafiante berro: “Xa estou de volta…!
“Os Outros” perden o liderado en favor de Billardeiros Musicais” (gañadores por equipos nesta xornada), aínda que na vindeira xornada xa contarán con Elena e Guille para tentar retomala coroa. As baixas de Suso e Bea nos ,Bulls engadiuse tamén Muriego polo que bastante fixeron aguantando o tipo mentres os Tropa lixeira séntense cómodos no 3º posto e van puxando forte cara arriba.
Cabe subliñar a excelente tempada que veñen facendo tanto Oscar de Troitas Bravas como Charly de Carabullo. O primeiro subiu por dúas veces o podio (un 2º e un 3º posto) e Charly estivo a piques pero non o conseguiu aínda que a súa regularidade manteno como líder. Tamén Markytos e Xerman veñen remontando forte malia que se perderon algunha xornada.
En donas as ausencias de Elena e Bea así como a irregularidade de Reyes axudan a que Geni teña menos competencia e domine claramente.
As clasificacións quedan así:
Individual: Charli 48 p., Marcos 46 p., Daniel 45 p., Eric e Richar 44p.
Equipos: Billardeiros Musicais 169 p., Os Outros 165 p., Tropa Lixeira 162 p.
Varados: Charli e Regueiro 7. Eric 5, Luis 3, Cristian, Daniel, Martiño, Muriego, Oscar e Pepe 2.
A vindeira xornada xogarase en Meira ou Bretoña con toda seguridade o sábado 2 de febreiro.