Igualdade convoca o Campionato de Tute e Parchís para mulleres en todas as parroquias cervenses
-O torneo comezará o día 4 de febreiro coas primeiras partidas
-Os enfrontamentos disputaranse nos centros sociais das parroquias así como na Casa da Cultura de San Cibrao e no Ecomuseo de Cervo e en cada local deberá haber un mínimo de tres parellas
-As mulleres que desexen inscribirse poden facelo ata o día 25 deste mes na Casa da Cultura ou nos cursos de memoria
Cervo, 14 de xaneiro de 2013-A Concellería de Igualdade volve convocar un ano máis o xa tradicional Campionato de Tute e Parchís para mulleres que se enmarca nas actividades previstas para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora, que se celebra o 8 de marzo. Como é habitual, para participar é necesario inscribirse por parellas, podendo facelo só nun dos xogos de mesa ou nos dous. Para apuntarse poden poñerse en contacto coa Casa da Cultura ou nos cursos de memoria que se imparten en distintos puntos do municipio ata o 25 de xaneiro.
Esta iniciativa está programada para que se poidan xogar partidas en todas as parroquias, aínda que para constituír un grupo nunha parroquia terá que haber un mínimo de tres parellas inscritas. En caso de acadar este mínimo, organizaranse dúas fases: as semifinais, que se desenvolverán en cada parroquia; e as finais, na que as tres clasificadas de cada parroquia enfrontarase entre elas, iso si, as que quedaron primeiras coas primeiras, as que se clasificaron segundas xogarán con todas as segundas e as que se clasificaron terceiras nas súas respectivas parroquias enfrontarase ás demais terceiras. Deste xeito decidiranse as tres gañadoras de todo o concello.
As partidas disputaranse nos locais sociais no caso do rural, mentres a Casa da Cultura e o Ecomuseo serán os lugares onde xogar no caso de San Cibrao e Cervo respectivamente. Unha vez realizadas as inscricións realizarase un calendario de enfrontamentos, que comezarán o día 4 de febreiro. O día culminante será o 9 de marzo, cando se entreguen os trofeos ás tres primeiras parellas clasificadas no campionato de tute e ás tres vencedoras do torneo de parchís.
A edil de Igualdade, Pilar Armada, asegura que esta actividade vense celebrando dende hai moitos anos como iniciativa previa á conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora “polo seu éxito de convocatoria e polo carácter de socialización que ten este evento, no que as mulleres se xuntan e aproveitan para atoparse e falar ao tempo que xogan e compiten por gañan o torneo”.