BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, e a concelleira de Cultura, Adela Rodríguez, visitaron hoxe os dous colexios do municipio e repartiron diversos obsequios entre os alumnos para conmemorar os días do libro e das Letras Galegas. A edil de Cultura destacou “o interés que desperta este acto entre os nenos que xa agardan todos os anos o momento de recibir estes agasallos. Dámoslles os regalos e pedímoslles que traballen e que sexan aplicados. Os máis pequeniños recibiron lápices de colores, plastilina, gomas, afilas… e os maiores ademáis de lápices e bolígrafos recibiron un libro de Ramón Piñeiro ó que este ano se adica o día das Letras Galegas”.
Adela Rodríguez descatou “a colaboración dos profesores dos colexios porque animan ós nenos a que lean. Despois van participar nun concurso con motivo das Letras Galegas”.
Os rapaces amosáronse interesados pola viaxe que realizarán o vindeiro venres a Santiago. A concelleira de Cultura dixo que “se trata dunha viaxe de ocio, pero tamén de traballo porque á volta terán que dar conta do que viron e despois en compensación recibirán algún agasallo máis. Nesta viaxe visitarán o Centro Galego de Arte Contemporáneo e o Museo do Pobo Galego para que vexan e aprecien as diferencias que hai entre un e outro, xantarán e despois pola tarde irán ó Parlamento de Galicia”. Adela Rodríguez asegura que “nós estamos a traballar moito pola cultura e así seguiremos, empezando polos máis pequenos do concello”.