Dende a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela, despois de facer unha análise dos presupostos que o Partido Popular de Burela ven de aprobar no Pleno Extraordinario que se celebrou o 20 de decembro, queremos aclarar:
1º.- Que ó noso parecer trátase duns presupostos que non van a axudar a que os veciños e veciñas de Burela teñan máis servizos nin a mellorar os que aínda quedan, non van a crear emprego, que son uns presupostos que van a supor un novo “sablazo” para os petos dos veciños e veciñas de Burela en forma de subida de impostos e taxas que fará que cada vez teñamos máis dificultades en chegar a fin de mes.
2º.- Son uns presupostos que aumentan o gasto improdutivo, non se baixa o gasto en dietas nin en soldos do equipo de goberno, aumenta en 19.000 euros (en máis de 3.000.000 de pesetas os gastos xurídicos e contenciosos).
3º.- Uns presupostos que van a deixar outro ano máis a asociacións e clubs deportivos sen a garantía de que dende o Concello lles vai a botar unha man para o desenvolvemento das súas actividades.
4º.- Estes presupostos van a hipotecar a Burela por moitos anos, debido á inversión que se prevé facer na nova escola infantil, coa que estamos totalmente de acordo da súa necesidade, pero non da forma que pretende levarse a cabo a xestión de dita obra, dende o PSdG-PSOE entendemos que temos uns locais que van a quedar baleiros en próximas fechas que se poderían aproveitar e acondicionar perfectamente para que puideran dar o servizo de escola infantil e de paso aforrar unha morea de cartos tanto a Concello como á Xunta en facer novos edificios sen aproveitar os que xa temos, como son os da Capitanía Marítima que se vai a trasladar ó novo edificio, por certo, grazas ás xestións feitas polo anterior alcalde o Sr Alfredo Llano.
Dende o PSdG-PSOE de Burela non podemos entender como o equipo de goberno é capaz de hipotecar o futuro e os terreos dos veciños e veciñas de Burela malvendéndoos para poder pagarlle á Xunta de Galicia unha escola infantil que dende logo entendemos non debera de ter máis custe para o Concello que o seu mantemento. ¿Pode alguén imaxinarse que o Ministerio de Fomento decidise, por fin, darlle para adiante ó proxecto da autovía Barreiros – San Cibrao e lle pedise ós concellos que pagasen os tramos que pasaran polo seu territorio? A nós non nos parece razoable e entendemos que esta actuación é única e exclusivamente responsabilidade da Xunta de Galicia, e non poden pretender que a falta de xestión do noso equipo de “malgoberno” a paguemos todos os veciños e veciñas de Burela hipotecándonos para moito tempo.
En definitiva uns presupostos ós que dende a propia Intervención Municipal xa se lle poñen moitas pegas no demoledor informe feito dende a mesma a respecto destes presupostos, dende a que se critica a falta de cobro por parte do Concello de máis de 415.320 euros por imposto de bens inmobles (IBI), imposto de actividades económicas (IAE) e correspondentes a taxas de lixo, o que ó noso entender demostra que os veciños e veciñas de Burela viven afogados por culpa dun equipo de goberno sen ideas, sen peso e sen xestión. Critica tamén a maneira en que se saltan a normativa de contratacións onde di textualmente: “evítase de xeito sistemático a aplicación que deben de rexer os procedementos de selección (mérito, igualdade, etc). Pide que se controle o gasto corrente e advirte que nos vindeiros anos o Concello non terá marxe para facer ningunha inversión. En fin, un informe que poñemos a disposición de todos aqueles veciños e veciñas que o queiran ver para que poidan comprobar que nós non mentimos.
Dende o PSdG-PSOE vemos que o 2013 será outro ano perdido para os veciños e veciñas de Burela, do que si estamos seguros é que para o equipo de goberno do PP entre soldos e dietas, non vai a ser tan malo como para o resto.
Por último dicirlle ó equipo de goberno que non siga pola liña da descalificación persoal xa que nós entendemos a política de outro xeito, nós imos a seguir criticando o que entendamos que facendo outro tipos de políticas pode ser bo para os veciños e veciñas de Burela, pedimos que non nos faga explicar actuacións de concelleiras do grupo municipal no palco do fútbol sala, viaxes familiares á conta do Concello ou cando se lle pegan a sabanas a algún membro do equipo de goberno que entendemos como temas persoais que son máis falla de responsabilidade, de educación e saber estar das persoas que outra cousa, de tódolos xeitos seguro que teremos ocasión de poder explicarlle ós veciños e veciñas todas estas cousas.