José Manuel Balseiro Orol
Deputado do Parlamento de Galicia
Despois da elección de Alberto Núñez Feijóo como Presidente da Xunta de Galicia –que culminou co acto público celebrado o sábado 18 na praza do Obradoiro- dá inicio un novo período capaz de ilusionar a todos aqueles que se sentían desenganados coa actual política do bipartito.
Chegou o momento de traballar por Galicia, coa forza e a lexitimidade acadada tras obter a confianza maioritaria dos galegos pero co compromiso, amplamente repetido polo novo Presidente, de gobernar para todos cun proxecto unido, cun equipo unido, renovado e ilusionante, que non distraerá as atencións noutra cousa que non sexa traballar desde o primeiro día.
O Partido Popular adquire o compromiso de desenvolver un ambicioso programa de Goberno con persoas e equipos de dilatada experiencia e vontade, dispostos a traballar a reo para afrontar unha situación de extraordinaria dificultade, unha crise económica na que está inmerecidamente inmerso o pobo galego. Rematou o tempo no que a falta de políticas claras para atallar estas e outras problemáticas supuxeron máis paro, maior pobreza, menos oportunidades.
Desde o primeiro minuto, as persoas designadas como os novos actores do cambio en Galicia, e o conxunto da familia popular asumimos o reto de recuperar a confianza na vida política a partir da proposta de rexeneración democrática das institucións. Aínda creemos na política, porque pode ser servicio; porque pode ser compromiso.
Chegou o momento de recuperar catro anos que foron tempo perdido para Galicia e para a nosa comarca. Chegou o momento de traballar e facelo á altura da confianza depositada pola maioría dos veciños e veciñas desta bisbarra. E nesta tarefa podo asegurarvos A Mariña lucense, por compromiso, por ganas, por ilusión, será protagonista.