BURELA .- O próximo sábado, 18 de abril, terá lugar en Burela un ensaio da Banda do Norte, que será dirixido polo director portugués Luis Miguel dos Santos e polo galego Carlos Diéguez. Nesta formación, que agrupa a músicos de distintas bandas das comarcas do Ortegal, Terra Chá e da Mariña, participan tamén músicos da Banda de Música de Burela.
A Banda do Norte estrearase diante do público o próximo 2 de maio, nun concerto que terá lugar no Teatro da Beneficencia de Ortigueira, ás 20:30 horas, no marco do II Congreso Internacional de Bandas “Vila de Ortigueira”.
A Banda, no seu concerto inaugural, estará dirixida polos seguintes directores (mais información dos directores no adxunto):
* Miguel Etchgoncelay (Arxentina-Francia)
* Luis Miguel dos Santos (Portugal)
* José Miguel Fayos Jordán (Valencia)
* Carlos Diéguez (Galicia)
Esta Banda nace dentro dun proxecto que pretende asociar ás bandas do norte do país co fin de potenciar a cultura musical nestas comarcas galegas. Esta asociación deu en chamarse Unión Musical de Bandas do Norte de Galicia e a día de hoxe participan neste proxecto as bandas de Cedeira e Ortigueira (Ortegal, na provincia da Coruña) e as bandas de Vilalba, Guitiriz, Guntín e Burela, (das comarcas da Terra Chá e da Mariña, na provincia de Lugo).
A Unión Musical de Bandas do Norte ten intención de realizar outras actividades no futuro, como a creación dunha banda xuvenil, encontros de bandas, cursos, etc.