FERNANDO SUÁREZ FIXO UN BALANCE MOI POSITIVO DA DÉCIMA EDICIÓN DO MERCADO DO NADAL QUE REMATOU ONTE. O REXEDOR SUBLIÑOU QUE MOITA XENTE SE ACHEGOU AO STAND DO CONCELLO EN BUSCA DE INFORMACIÓN SOBRE RIBADEO E SOBRE A COMARCA.
Ribadeo, 10 de decembro de 2012. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo un balance moi positivo da décima edición do Mercado do Nadal que concluiu onte.
O rexedor amosou “unha enorme satisfacción por ver como se cumpriu o obxectivo que tiñamos para esta décima edición do Mercado do Nadal, que penso que tivo moitísimo éxito dado que cambiamos o formato. Nos anteriores anos estaba ben feito nunha carpa, pero decidimos apostar por diluílo un pouco polas rúas peonís. Arriscamos porque hai que xogar contra as inclemencias meteorolóxicas pero eu penso que neste caso saíu ben”.
Suárez Barcia pensa que “foi un referente en toda a comarca estes días de ponte e aproveitando a fin de semana moitísima xente veu a Ribadeo non soamente da comarca da Mariña e do Occidente asturiano senón tamén moitos turistas, xente de fóra. Boa conta diso foi que un dos stands que puxemos non era de artesanía, senón que era do propio Concello cunha especie de oficina de turismo portátil e alí parou gran cantidade de xente para pedir información de Ribadeo e da comarca”.
O alcalde considera que “estas iniciativas que serven para traer xente a Ribadeo benefician primeiramente aos vendedores que estiveron no mercado, pero tamén ao comercio, aos restaurantes, en definitiva a este sector servizos que temos tan importante en Ribadeo e que desde o Concello sempre estamos tratando de facer actividades para que a xente siga tendo argumentos para vir a Ribadeo”.
Fernando Suárez tamén aludiu e valorou de xeito moi positivo “todas as actividades realizadas por outras entidades, como Sonda Norte ou a Asociación Amigos da Madeira, que tamén coa súa exposición fixeron posible que moita xente acudira a ver, como eses obradoiros en vivo que se fixeron. E tamén destacar a colaboración estreita que mantemos coa asociación de comerciantes de Ribadeo e así puidemos acender o alumeado do Nadal tamén con motivo deste Mercado do Nadal e tanto os comerciantes como o Concello dividimos á metade o seu custo. Son estas cousas que facelas entre dúas partes redundan en ter un concello e unha vila moito máis atractiva no que ten ver cos servizos e co comercio”.