O PROXECTO BUXIGANGA DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN RECIBE O II PREMIO DA FEGATEA Á ANIMACIÓN TEATRAL
Antonio Veiga e Mario Outeiro recolleron este galardón de carácter honorífico que se convoca bianualmente e que foi concecido a esta iniciativa do ente provincial pola súa repercusión no eido da cultura teatral
“Con este premio, Buxiganga, que pon a estructura dunha administración pública ao servizo do pobo, recibe un recoñecemento que esperamos sirva de alicerce ao resto de institucións do país para que se impliquen do mesmo xeito no teatro amador”
Lugo, 9 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, foron os encargados de recoller o galardón que a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) concedeu, na súa segunda edición, ao Proxecto Teatral Buxiganga, promovido pola área de Cultura do ente provincial. O premio foi entregado pola presidenta da Federación, Chelo Pampillón, nun acto que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela, na tarde de hoxe.
A FEGATEA, que agrupa arredor de 60 grupos de teatro afeccionado e asociacións culturais de toda Galiza, convoca este galardón de carácter honorífico bianualmente, e nesta ocasión, a súa Xunta directiva decidiu outorgarlle este premio á animación teatral ao Proxecto Buxiganga, pola súa repercusión no eido da cultura teatral, en xeral, e do teatro afeccionado na provincia de Lugo, en particular.
A concesión deste premio supón un recoñecemento a un traballo que se remonta ao ano 2009 e cuxo último obxectivo é achegar o teatro a poboacións pequenas que acostuman a quedar fóra dos circuítuos habituais da programación cultural, fomentando así a creación de novas asociacións e grupos de teatro afeccionado. Un proxecto que, ademais, pretende estimular a formación ofrecendo cursos para afeccionados impartidos por actrices e actores galegos de gran prestixio, e accións formativas para persoas que se adican profesionalmente a isto, algo que xurdiu como novidade nesta edición.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga explicou que “no eido cultural, Lugo, como boa provincia de interior, queda fóra do Eixo Atlántico, salvo puntos e lugares concretos, polo que estábamos un pouco adormecidos até fai ben pouco. Nos últimos anos, cando todos ían cara atrás, co noso pulo comezamos a ter actividades que até ese momento eran impensábeis, como é o caso de Buxiganga. En Lugo todo semellaba máis difícil, quizais por iso este proxecto teña moito máis mérito”.
“Buxiganga – continuou o vicepresidente- é un proxecto integral, completo, pero sobre todo é saúde; saúde dun pobo que está moi vivo e que non quere que lle quiten o que lle pertence, un pobo que sen cultura perdería moitos anos de vida, que en moitos sitios xa os está a perder como se dunha praga se tratase. Por iso, vos agradecemos este premio á Fegatea e a todas aquelas persoas que formades parte de Buxiganga, porque vós mellor que ninguén coñecedes a realidade do país, o difícil da existencia de proxectos coma o noso que deben e teñen que continuar así como unha sanidade ou unha educación universal e gratuíta”.
Pola súa banda, Mario Outeiro sinalou que “con este premio, Buxiganga, que é un proxecto que pretende achegar o teatro a todo o mundo e que pon a estructura dunha administración pública ao servizo do pobo, recibe un recoñecemento que esperamos sirva de alicerce ao resto de institucións do país para que se impliquen do mesmo xeito no teatro amador”.