ÁLVAREZ, UN BO E XENEROSO
Roberto Bouça *.- Hai novas que caen como unha xarra de auga fría, que producen un arrepío que che paraliza o corpo enteiro e que che corta a respiración. Son novas para as que un aínda non está preparado e que te deixan como unha pedra.
Así fiquei eu, como unha pedra, cando me comunicaban o repentino pasamento do compañeiro Xosé Manuel Álvarez Iglesias, na tarde do pasado venres. Álvarez, como era coñecido polas súas amizades, incorporouse á Asemblea Local do BNG de Burela hai só uns meses, mais neses poucos meses, os seus compañeiros e compañeiras fomos quen de saber que era un militante e unha persoa excepcional.
Álvarez, veciño de Burela desde hai moitos anos, era operário na factoría de Alcoa en San Cibrao. Era por tanto un traballador fillo tamén de nai e pai traballadores. En Alcoa participaba activamente no sindicalismo nacionalista e de clase, no que deitaba grande esforzo e dedicación. Así nolo transmitiu nas últimas mobilizacións dos traballadores de Alcoa por unha tarifa eléctrica que permitise a continuidade da propia fábrica e dos 2.000 postos de traballo que estaban en xogo.
A súa loita infatigábel non atendía a intereses de tipo persoal ou sectorial. Álvarez loitaba movido pola xustiza social, pola solidariedade de clase, polo futuro da Mariña, polo traballo digno na nosa Terra, pola solidariedade dos povos… en definitiva, por aquelas cousas polas que traballamos os e as nacionalistas de esquerdas neste País. Era doado velo en calquera acto organizado na Mariña: os peches pola defensa do ensino público, concentracións da Plataforma Sanitaria da Mariña, nas folgas xerais, nas mobilizacións da CIG, actos do BNG. Nas últimas semanas puidemos velo participar activamente na Folga Xeral do pasado 14-N, na concentración de Foz en apoio ao povo palestino, no acto en defensa do aforro galego e dos postos de traballo en NCG o pasado luns en Burela…
Fóra do seu traballo militante sabemos que aínda lle ficaba tempo para ser un pai excepcional. Coa súa perda irreparábel vaise un “bo e xeneroso”, dos poucos que aínda fican nestes tempos que corren. O seu nome, como o de moitas persoas non sairá nos libros de História, mais a súa memória ficará acesa no noso traballo e na nosa loita diaria por unha Galiza Ceiva, pois Álvarez deixou “semente de vencer”.
Os compañeiros e compañeiras do BNG non te esquecemos. Aproveito para manifestar o noso máis sentido pesar e mandar unha forte aperta a familiares e amig@s.
*Roberto Bouça. Responsábel Local do BNG Burela