O goberno local lamenta que a Deputación gaste 1,2 millóns en propaganda e non teña cartos para os terreos anexos ao Museo do Mar
-Asegura que a partida para publicidade e propaganda crece nun 30% mentres segue sen aparecer “nin un céntimo” para mercar a parcela
Cervo, 7 de decembro de 2012-O goberno de Cervo lamentou hoxe que a Deputación “se escude nunha ausencia de cartos para non mercar os terreos contiguos ao Museo do Mar para poder amplialo” mentres destina cantidades “millonarias” a gastos de publicidade e propaganda. “É asombrosa a lixeireza coa que din que non teñen diñeiro mentres os orzamentos provinciais demostran que teñen cartos, pero só para o que eles queren, e vese que ampliar o museo non lles interesa” explica o grupo de goberno.
O Goberno da Deputación gastará o ano que vén 1,2 millóns de euros en publicidade e propaganda. “A contía é moi avultada e excesiva para un goberno provincial” explica o executivo municipal, “pero o máis grave é que aumenta nun 30% con respecto ao ano anterior, é dicir, que se destinan 280.000 euros máis que no 2012”. O grupo de goberno considera “inadmisible” que esta partida se incremente “mentres toda a Mariña segue en vilo polo futuro do Museo do Mar, vendo como a ampliación segue agardando e como a Deputación é a única que non a considera prioritaria”.
O equipo de goberno lembra que o Concello só pide o mesmo que reclamara no 2005 o BNG de Cervo e que o PP apoiou co seu voto a favor: a compra dos terreos. “A moción que presentamos no último pleno da corporación, o pasado mércores, tiña o mesmo obxectivo, pero aínda así, os grupos da oposición preferiron absterse e en consecuencia, dicir que non á adquisición da parcela” explica o goberno municipal.
“Qué cambiou do 2005 ao 2012? Que no 2005 PSOE e BNG non gobernaban a Deputación, e pedir era fácil. Hoxe si que gobernan, pero os cartos non se poden gastar en comprar o solar porque hai que reservalos para facer publicidade dos seus logros” engade o executivo local “como todos os investimentos que teñen feito en instalacións deportivas en concellos como Ribadeo ou Monforte, aos que destinaron 1,7 millóns de euros” engade o goberno municipal.