OS PROPIETARIOS DAS FINCAS DA UNIDADE DE TORRENTES RECIBIRON ESTA TARDE NO CONCELLO TODA A DOCUMENTACIÓN QUE OS ACREDITA COMA TAL.
Burela, 29 de outubro de 2012. Esta tarde tivo lugar a entrega das escrituras da unidade de Torrentes, tal e como xa anunciara hai semanas o alcalde, José Mª González Barcia. O rexedor subliñou que os propietarios das fincas non teñen máis trámites adicionais que facer ao contar con esta documentación.
González Barcia dixo que “o total de fincas resultantes en Torrentes é de 168. Os propietarios asistiron practicamente todos, menos aqueles que xa nos tiñan dito que por distintos problemas non podían asistir, en concreto seis. A outros deles, que é xente que vive fóra, estamos intentado localizalos vía correo porque por teléfono os datos que temos non se corresponden cos que deben ter agora. Pero en definitiva a inmensa maioría dos propietarios recolleu a documentación que contempla absolutamente todo o que deben ter correspondente á súa finca para poder facer despois o que estimen oportuno para a venta, etc”.
O alcalde sinalou que “os propietarios non teñen ningún trámite adicional que facer con esta documentación. O único que falta por facer, e que o está facendo o Concello, é elevar ao Catastro a relación de fincas e de propietarios para que, tendo en conta o número de rexistro catastral que xa teñen na documentación que se lles entregou, poida incorporarse ao censo do Catastro o novo propietario e a finca coa superficie resultante e o sitio exacto onde está”.
Este trámite se está facendo desde o propio Concello “e non vai ser unha cousa inmediata, vainos levar unha temporadiña, pero os propietarios xa non teñen nada que facer ao respecto e a partires de agora poden dispoñer das súas propiedades como estimen conveniente porque a documentación que teñen está completa”, manifestou José Mª González Barcia.