O PSdeG lamenta “as graves consecuencias do copago” que constata o Colexio Farmacéutico de Lugo
“Por moito que a Xunta transmita que é unha medida necesaria e que hai que resignarse, e por moito que haxa cidadáns dispostos a asumilo, o certo é que o copago está a poñer en risco a saúde dos cidadáns por razóns de ideoloxía”, asegura o secretario de Sanidade do PSdeG-PSOE de Lugo, Miguel Rodríguez Lois
O secretario de Sanidade da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo, Miguel Rodríguez Lois, lamenta “as graves consecuencias do copago” que constatou hoxe a presidenta do colexio farmacéutico de Lugo, Ana Prieto, quen informou de que xa detectan que hai pacientes que están deixando de retirar parte da súa medicación por motivos económicos. “É un tema que nos preocupa moitísimo, porque un aforro para as arcas públicas non pode significar nunca un custo na saúde das persoas”, afirma o socialista, que alerta da “absoluta irresponsabilidade” do goberno do PP. “A Xunta felicítase de que aforrará 33 millóns de euros ao ano. Claro, é moi sinxelo aforrar 33 millóns porque esa é a cantidade que porán os nosos pensionistas do seu peto”, di. “Estar enfermo penaliza, é a fórmula secreta do PP, os que máis o necesitan, máis pagan”, engade.
Rodríguez Lois incide en que, dos máis de 400 medicamentos retirados da financiación pública, a maior parte son de uso moi extendido e fai mención ás verbas da presidenta do colexio farmacéutico, que di que os casos que máis lle preocupan son os da xente que deixa de retirar fármacos de “enfermedades silenciosas” como o colesterol ou a diabetes, con moita incidencia en Galicia. “É de ignorantes xustificar a retirada dalgúns medicamentos coa excusa de que son para enfermidades con síntomas menores, porque ás veces os síntomas menores van acompañados das enfermidades máis graves”, critica o socialista.
O secretario de Sanidade vai máis aló e asegura que hai estudos que constatan que “a longo prazo, nin sequera se sabe se está xustificado desde o punto de vista do aforro público”. Así, fai mención a un estudo realizado no MedicAid de EEUU en 2003 que amosou un aumento dun 27% na probabilidade de ingreso no hospital nos pacientes con copago, e que cando acuden ao hospital van con enfermidades máis graves ao non tratalas antes, polo que supón un maior gasto sanitario. “Chegaron á conclusión de que, a pesar do aforro inicial, o coste total por habitante subiu finalmente un 9,5%”, explicou. “Por moito que a Xunta transmita que é unha medida necesaria e hai que resignarse, e por moito que haxa cidadáns dispostos a asumilo, o certo é que se está a poñer en risco a saúde dos cidadáns por razóns de ideoloxía e prioridades políticas”, zanxou.