RIBADEO (FNC) .- Esta fin de semana arranca a programación de primavera do Concello de Ribadeo. Será o sábado a partires das cinco da tarde coa inauguración de Mariñarte 2009, que estará no Forte de San Damián ata o 26 de abril. A edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra lembra que “Mariñarte naceu coma unha actividade divulgativa e que este ano está adicada á xente máis nova de Ribadeo e do resto da comarca da Mariña. Son 11 mozos e mozas que mostrarán a través da súa obra as súas expresións artísticas en videocreación, en fotografía, nos cadros… os colexios tamén están convidados a ver esta exposición ao longo do mes de abril”. E o domingo 5 de abril ás 20:30 horas no Auditorio Hernán Naval terá lugar o tradicional concerto de semana santa da Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo.
A seguinte cita será a celebración do día das Letras Galegas, no que seguirá a campaña Pan e Letras, co reparto de tarxetóns nas librerías e panaderías cun texto alusivo ao autor o que este ano de adica a xornada que é Ramón Piñeiro.
Durante os meses de abril, maio e xuño haberá tempo para o teatro. Visitarán Ribadeo compañías coma Teatro do Atlántico, Teatro do Noroeste ou o Centro Dramático Galego que virá o 7 de xuño cunha obra de Manuel Lourenzo dirixida por Quico Cadaval. A concelleira de Cultura sinala que “tamén haberá teatro afeccionado e teatro nas parroquias. Así a Aula Municipal de Teatro de Ribadeo estreará a súa última obra o 21 de xuño en Cinxe”.
Mariluz Álvarez Lastra engadiu que “vindeira semana teremos infinidade de actividades para os nenos das que xa demos conta hai uns días, e temos que dicir que seguiremos contando con teatro para eles os domingos pola tarde. Toda esta programación está unificada e complementada coas actividades que realizan outros colectivos como a Coral Polifónica, a Banda Sinfónica Municipal ou a Escola Municipal de Música, entre outras… e quero agradecerlles a todos, como sempre, a súa colaboración, ademais de aproveitar para convidar aos veciños de Ribadeo a que participen en todas estas actividades que teremos na nosa vila e nas nosas parroquias durante os tres vindeiros meses”.