CERVO.- O concello de Cervo afirma que enviou á Dirección Xeral de Urbanismo toda a documentación referida ás obras da Atalaia de San Cibrao en xuño do 2007 e que dende entón non se lle comunicou ningún tipo de apercibimento de infracción. Indican ademais que Cultura autorizou a continuación das obras.
NOTA DE PRENSA
Desde esa data a administración autonómica non apreciou ningún tipo de irregularidade ou infracción que poida dar lugar á sanción correspondente. En consecuencia, non cabe presumir ningún tipo de ilegalidade, tal e como pretenden facer unha asociación vinculada ao BNG
CERVO REMITIU A DOCUMENTACIÓN SOBRE AS OBRAS DA ATALAIA Á DIRECCIÓN XERAL DE URBANISMO EN XUÑO DE 2007
* O Concello completará a información xa enviada con nova documentación entre a que se atopa a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, na que a administración autonómica autoriza -en abril de 2008- a continuidade das obras de construción dun edificio nunha das parecelas afectadas polo xacemento arqueolóxico.
Cervo, 01 de abril de 2008.- O Concello de Cervo xa remitiu o 6 de xuño de 2007 á Dirección Xeral de Urbanismo a documentación sobre as obras que se están a desenvolver na zona da Atalaia de San Ciprián. Desde esa data a administración autonómica encargada da protección da legalidade urbanística ten constancia dos proxectos, memorias e licencias relativas ás obras que unha empresa privada está a desenvolver na zona na que se atoparon varios restos arqueolóxicos.
NINGÚN INDICIO DE IRREGULARIDADE
Pese ao tempo transcorrido desde xuño do ano 2007 ao Concello de Cervo non se lle comunicou que se apreciara ningún tipo de infracción ou ilegalidade que puidera dar lugar ao inicio dun procedemento sancionador e, polo tanto, non ten ningún sentido que desde determinadas asociacións que afirman protexer o patrimonio se pretenda facer crer que existe algún tipo de ilegalidade no outorgamento das devanditas licencias. Salvo claro está que este tipo de aseveración teña un interese político derivado da militancia partidista do presidente e algúns membros deste colectivo, todos eles vinculados ao BNG.
CULTURA AUTORIZOU A CONTINUIDADE DAS OBRAS
A maior abundamento cabe subliñar que a propia Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou, nunha resolución ditada en abril de 2008 -anexa a esta nota- a continuidade das obras nunha das parcelas afectadas pola aparición do xacemento arqueolóxico. A propia Xunta de Galicia está a permitir súas resolucións que as obras continúen
O Goberno municipal ten un gran interese na protección, potenciación e posta en valor daqueles bens que, polas súas características teñen un amplo valor patrimonial, arqueolóxico e/ou cultural. No referente ao xacemento arqueolóxico da Atalaia o Concello de Cervo reclamou á Consellería de Cultura que puxera os medios técnicos e humanos suficientes para valorar o alí achado e, en consecuencia, adoptara as medidas que entendera necesarias para a súa protección.
ACATARÁN AS DECISIÓNS DE CULTURA
O feito de que a propia Consellería de Cultura autorice a continuidade das obras -sempre baixo estrito control arqueolóxico- garante que todo se está a facer co seu aval. Desde o Concello de Cervo acatarán en todo momento as resolucións que dite a Consellería de Cultura en relación cos restos arqueolóxicos da Atalaia xa que é esta administración a que ten as competencias, os medios técnicos e persoais suficientes e os coñecementos para decidir o que corresponda respecto deste xacemento.
A resolución autorizando a continuidade das obras da que estamos a falar, así como o conxunto de documentación remitida pola Consellería de Cultura respecto deste asunto, formarán parte do expediente que o Concello de Cervo enviará nas vindeiras datas a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Todo iso co obxecto de completar a documentación que está en poder deste organismo desde xuño de 2007.