Volven as Escolas Deportivas Municipais cunha decena de actividades para nenos e adultos
-Esta tarde tivo lugar a presentación do programa para o curso 2012-2013
-O prazo de inscrición xa está aberto e os impresos pódense recoller na Casa do Concello ou na Casa da Cultura
Cervo, 20 de setembro de 2012-A oferta de actividades incluídas nas Escolas Deportivas Municipais xa está preparada. Esta tarde o Concello presentou o programa completo ante a veciñanza nun acto público ao que estaban convocadas todas as persoas interesadas en coñecer as distintas modalidades que se impartirán este curso así como todos os detalles da nova temporada.
As Escolas Deportivas Municipais ofrecen unha decena de disciplinas dirixidas a públicos diferentes, dende nenos e nenas ata adultos e que se imparten en varias instalacións do Concello, dependo da modalidade deportiva, das necesidades de espazo ou das características do pavimento. O programa combina xogos para os máis pequenos con deportes de balón e de raqueta, patinaxe, ou modalidades aeróbicas e ximnásticas, unha oferta moi variada para cubrir as demandas e os gustos do maior número de persoas posible.
Actividades para nenos e mozos
Deste xeito, durante este curso os nenos e nenas nacidos entre o 2007 e o 2009 poderán participar nos pequexogos, que se impartirán en San Ciprián e en Cervo, e que buscan a adquisición dos valores do xogo, relacionarse cos compañeiros e iniciarse na práctica doutros deportes.
Para os nados entre o 2007 e o 1997 a oferta inclúe a práctica de baloncesto, fútbol sala e multideporte (hockei, atletismo, orientación, pádel, badminton…) no pavillón da Veiga; e patinaxe artística no pavillón do CEIP Cervo. Ademais, impartirase tenis en ambas localidades.
Actividades para adultos
As persoas adultas poderán elixir entre ximnasia de mantemento, aeróbic e pilates que se impartirá en San Ciprián e en Cervo.
A oferta, cos horarios e os lugares exactos, está detallada nos folletos difundidos na Casa do Concello e na Casa da Cultura, os mesmos edificios onde se pode realizar a inscrición. As clases iniciaranse o 1 de outubro e rematarán o 31 de maio.
Acudir a algunha ou varias das modalidades programadas nas Escolas Deportivas permite gozar ademais doutras vantaxes como a participación nos campionatos correspondentes ás actividades impartidas, así como en torneos comarcais e provinciais. Tamén dá dereito a acudir a excursións de patinaxe á pista de xeo, a ver partidos de equipos da provincia como o Breogán ou o Burela FS ou a participar na saída de minisendeirismo para alumnado e pais e nais.
Unha oferta que a edil de Deportes valorou como “atractiva e variada” e que foi deseñada “pensando nas necesidades que poden ter os diferentes grupos de idade e os distintos niveis de actividade que queira ou poida manter cada persoa” co obxectivo de que “cada usuario atope a súa modalidade ideal e acuda a practica exercicio, porque do que se trata é de fomentar o deporte na sociedade cervense”.