DEPUTACIÓN E CONCELLO PROCEDERÁN A SUBSTITUIR UNHA PRIMEIRA REMESA DAS VENTÁS DO HOSPITAL ASILO CO OBXECTIVO DE MELLORAR O SEU AISLAMENTO TÉRMICO. FERNANDO SUÁREZ SUBLIÑOU QUE “ESTAS MELLORAS NON QUITAN QUE EN RIBADEO SIGAMOS A LOITAR POR UNHA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE, NECESARIA PARA SATISFACER A DEMANDA EXISTENTE”.
Ribadeo, 10 de setembro de 2012. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, visitaron esta mañá as instalacións do hospital asilo. Deputación e Concello procederán a substituir unha primera remesa das ventás do inmoble, de titularidade municipal, co obxectivo de mellorar o seu aislamento térmico. O rexedor subliñou que “estas melloras non quitan que en Ribadeo sigamos a loitar por unha residencia da terceira idade, necesaria para satisfacer a demanda existente”. A loita seguirá despois do 21 de outubro.
Suárez Barcia relatou que “estivemos hoxe aquí co vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, vendo as carencias que ten este edificio importante, este edificio municipal que alberga o hospital asilo. Da súa xestión encárgase unha congregación relixiosa, que o fai dun xeito moi espléndido tanto por parte de todas elas coma das traballadoras do centro. Da gusto pasear polo seu interior e ver cómo está limpo, cómo está ordeado, cómo a xente maior está moi ben tratada, pero é un inmoble vello e de moitos anos no que hai que ir facendo operacións de mellora”. O alcalde explicou que “agora a que imos facer vai exceder as capacidades que ten o Concello, de aí que a Deputación de Lugo se implicará de xeito moi activo na substitución dunha primeira remesa das ventás exteriores que están moi deteriodadas, por elas entra frío, humidade, vento, auga tamén ás veces, no inverno algunhas ábrense por cuestión do vento e fáise necesaria a súa substitución. O custe será elevado e imos contar coa axuda da Deputación Provincial de Lugo”.
O rexedor ribadense considera que “é un impulso moi importante, que nos estaba a demandar a congregación relixiosa que leva a dirección e a xestión deste centro e con esta iniciativa váise mellorar o aislamento térmico das instalacións e un maior aforro de gasto en combustible. Todo isto que facemos no hospital asilo, que ten 45 prazas sempre cubertas e que sempre ten lista de espera, non quita que sigamos loitando por esa outra residencia, que todos en Ribadeo demandamos”. Fernando Suárez lembrou que “partidos políticos e asociacións consideramos insuficiente o hospital asilo para atender toda a demanda dun concello vivo e moderno con máis de 10.000 habitantes e que precisa dunha nova residencia. Aínda que a comisión de todos os grupos acordou suspender as súas actividades ata despois das eleccións autonómicas, entendendo que o goberno actual está en funcións e non é quen de tomar decisións ao respecto, unha vez que remate esa cita co novo goberno en San Caetano faremos todo o que teñamos que facer para reivindicar algo que consideramos de xustiza para Ribadeo, que é a consecución dunha nova residencia da terceira idade pública, que resposte ás necesidades e as preocupacións que teñen os veciños e as veciñas de Ribadeo”.