SAN CIBRAO ACOLLERÁ O BURELA FS-VIAXES AMARELLE, DA COPA GALICIA (MÉRCORES 5, 20.30 HORAS)
O fútbol sala repite por segunda semana consecutiva en San Cibrao. Tras a gran resposta do Burela FS-Automoción La Junquera, o presidente da entidade laranxa, José Ramón González Casas, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, reuníronse no pavillón da Veiga para presentar un novo espectáculo deportivo, o encontro entre o Burela FS Pescados Rubén e o Viaxes Amarelle. A cita, correspondente á fase de grupos da XXII Copa Galicia Feminina, disputarase mañá, a partir das 20.30 horas.
Ademais de incidir no agradecemento pola colaboración do Concello de Cervo, José Ramón González Casas animou “os amantes do fútbol sala para que veñan gozar dun duelo da Primeira División”. “En Cervo hai unha grande afección a este deporte, xa o puidemos sentir a semana pasada no amigable masculino. Esperamos volver estar arroupados por ese ambiente”, dixo o presidente burelista.
Alfonso Villares coincidiu co dirixente do CD Burela FS en destacar a afluencia da anterior cita laranxa. Para o alcalde “é todo un luxo ver xogar ao Burela FS en dúas ocasións seguidas, primeiro ao equipo masculino nun amigable e agora ao feminino nun encontro de competición. Dúas formas de xogar e dous equipos de Primeira que temos a sorte de poder acoller nas nosas instalacións”.
Este será o segundo encontro do conxunto laranxa en pretempada, como antesala da liga da máxima categoría. Estreouse con outro dos rivais de 2012-13 o 24 de agosto, no I Trofeo Cidade das Burgas, con vitoria e título sobre o anfitrión ourensán (0-4).
Valdetires
As pupilas de Javier Pardeiro xogarán o segundo e último partido da fase o sábado, 8 de setembro, ás 16.30 horas, no pavillón municipal da Malata, fronte ao Valdetires Ferrol FSF, da Segunda División.
Xunto ao Grupo B, no que está integrado o cadro mariñán, tamén participan Ponte Ourense SAD, Poio FS e Fisober FSF, no Grupo A, e Cidade das Burgas, Leis Pontevedra, A Fervenza e O Montiño Concello de Mos, no Grupo C.
Tras o primeiro envite, os campións de cada grupo e o segundo clasificado do Grupo C accederán ás semifinais, que se realizarán por sorteo a partido único, na cancha do peor clasificado. Os gañadores loitarán polo título na gran final, con data e lugar pendentes de designar.